Cooperación

O Inorde colabora co Banco de Alimentos cunha doazón de 10.000 quilos de pataca

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, asegurou que esta achega “ten especial importancia neste contexto de crise social e económica polo Covid-19”

Óscar Gómez

Ourense |

O Inorde colabora co Banco de Alimentos cunha doazón de 10.000 quilos de pataca | onda cero

O Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, ven de entregar 10.000 quilos de pataca ao Banco de Alimentos, no marco da campaña que todos os meses de novembro realiza esta entidade solidaria para axudar ás persoas e familias con escasos recursos. “Unha achega que ten especial importancia neste contexto de crise social e económica polo Covid-19, e que en próximas datas completaremos coa doazón doutros 25.000 quilos do mesmo produto a Cáritas”, manifestou o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández.

“O Inorde non pode estar á marxe da complicada situación social que está a provocar esta pandemia nos colectivos máis desfavorecidos na provincia de Ourense -explicou Fernández-, por iso xa na pasada primavera fixemos un esforzo por aumentar a superficie de terreo destinada a experiencias en campo, co obxectivo final de entregar a organismos e asociacións sen ánimo de lucro toda a produción”.

Froito desta sementeira de primavera son os 10.000 quilos de patacas que o instituto dependente da Deputación de Ourense acaba de doar ao Banco de Alimentos de Ourense para a súa distribución.

Estas iniciativas forman parte das accións que o Inorde realiza desde hai dez anos en colaboración con Caritas Ourense, organizando un curso de actividades básicas en agricultura no que, ademais de formar a dez alumnos por ano no ámbito do sector primario, se lle entregan ao comedor social de Cáritas os produtos recollidos nos cultivos que se realizan nas prácticas de campo.

Así, en próximas datas, anunciou Rosendo Fernández, o Inorde faralle entrega a esta entidade doutros 25.000 quilos de pataca producidos nos campos de ensaio, ademais dos produtos de horta -repolos, brócoli e porros- que se colleitarán segundo vaian cumprindo o seu ciclo vexetativo nos cultivos dedicados á formación dos alumnos.