A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o investimento da Xunta de 180.000 euros no novo itinerario de Albarellos, que facilita aos veciños de Monterrei desprazamentos máis cómodos e seguros.
Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado da nova senda construída en ambas as marxes da estrada autonómica OU-143, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, poñendo o acento nos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas.
Concretou que a actuación se rematou a finais de marzo e desde a Semana Santa os veciños desfrutan deste novo itinerario peonil de 340 metros de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,9 metros. O proxecto tamén preveu zonas rebaixadas para facilitar as entradas de vehículos.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que esta senda transcorre polo núcleo rural de Albarellos e coincide coa traza do Camiño de Santiago, polo que facilita o tránsito dos peregrinos que se achegan a Compostela empregando a Vía da Prata.
Remarcou que tamén se habilitaron dúas paradas de autobús para mellorar o acceso dos veciños aos servizos de transporte público. Ademais colocouse unha nova marquesiña, fabricada con madeira autóctona, co deseño unificado que a Xunta está a empregar para avanzar nunha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia, tamén mellor integradas na contorna.
Este refuxio ofrece aos usuarios do autobús protección fronte ás inclemencias do tempo e mellora a comodidade durante a espera.