O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou o investimento dun millón de euros para a remodelación do posto da Garda Civil da Rúa como exemplo da aposta do Goberno pola mellora dos servizos públicos, a seguridade da veciñanza e a transición ecolóxica “nunha recuperación que queremos que chegue a todo o territorio, incluido os concellos máis pequenos”.
Fíxoo durante unha visita á localidade ourensá onde puido coñecer as instalacións da Garda Civil da Rúa que van ser obxecto desta mellora, “que beneficiará a plantilla de gardas civís e a cidadanía da Rúa e da contorna que fai uso deste servizo de seguridade cidadá”, sinalou.
José Miñones sinalou que a renovación do posto da Rúa forma parte do conxunto de actuacións que impulsa o Goberno Central en 16 equipamentos do Ministerio do Interior en Galicia co obxectivo de promover o aforrro e a eficiencia enerxética. O investimento, de 21 millóns de euros, procede dos fondos do do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do Plan de Transición Enerxética da Administración Xeral do Estado.
Detallou que, na provincia de Ourense, o Goberno investirá 3,7 millóns de euros deste programa. Este orzamento destinarase a mellora a iluminación da comisaría da Policía Nacional en Ourense (25.733 euros) e a renovar as instalacións da Garda Civil de Celanova (1 millón de euros) e de Verín (1,6 millóns de euros), ademais da Rúa.
Actuación no cuartel da Rúa
O delegado do Goberno avanzou que a actuación na Rúa renovará unha superficie de 2.000 m2 e incluirá a mellora o aillamento exterior, tanto das paredes como da cuberta asi como as fiestras. Tamén se mellorará a iluminación interior. Por último, prevese a instalación de paneis solares para o abastecemento de enerxía. “Con todo isto aforraremos como mínimo o 30% do total da enerxía do edificio e reduciremos o consumo da enerxía tradicional e emisións de CO2”, engadiu o delegado. A actuación deberá estar rematada antes de decembro do próximo ano
Repaso aos investimentos
O delegado do Goberno e o subdelegado do Goberno en Ourense mantiveron una xuntanza co alcalde, Álvaro Fernández, onde repasaron os investimentos do Goberno na Rúa, que se achegan aos 2M€ de euros para distintas actuacións de mellora da eficiencia enerxética, equipamentos públicos e conexión a internet.
Así, o Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu 332.291 euros para dous proxectos de renovación do alumeado público municipal, o 80% do custo total da actuación.
Ademais, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana achegou 634.358 euros para a renovación do CEIP Manuel Respino. Esta actuación formou parte do Programa de Impulso á Rehabilitación de edificios públicos, financiado con fondos do Plan de Recuperación.
Por último, o delegado avanzou ao alcalde que A Rúa se beneficiará dos investimentos do Plan Único para a extensión da banda ancha de internet a zonas sen cobertura. En concreto, entre as dúas convocatorias, de 2021 e de 2022, o Ministerio de Asuntos Económicos proporcionará esta conexión a 667 vivendas e empresas deste Concello, que ata agora carecían deste servizo.
Visita ao Concello de Vilamartín de Valdeorras
Previamente a visitar A Rúa, o delegado do Goberno realizou unha visita ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, acompañado polo subdelegado. José Miñones mantivo un encontro co seu alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, para supervisar os investimentos do Goberno neste municipio, escoitar as súas demandas e abordar as oportunidades do Plan de Recuperación.
Concretamente, o Executivo central está investir máis dun millón de euros en Vilamartín actualmente. Destaca, entre outras, a axuda de 144.216 euros do IDAE do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), para a renovación e a eficiencia enerxética do alumeado. O concello tamén recibe transferencias do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e benefíciase do Plan ÚNICO-Banda Ancha, que na convocatoria de 2022 levará a conexión a internet de alta velocidade a 511 vivendas e empresas.
O delegado tamén visitou co subdelegado e co alcalde, a obra de remodelación da área recreativa do Bañadoiro, que está executar o Miteco. O contrato foi adxudicado este verán por 871.228,56 euros.