Ourense Cidade

Jácome acusa ao PSOE de intentar “boicotear” obras na cidade

O alcalde cualifica de “inaudito” que intenten “frear obras na cidade de Ourense”, como a reforma do Xardín do Posío, ou a mellora de rúas e parques infantís.

Óscar Gómez

Ourense | 19.10.2022 07:50

Jacome asume o goberno da cidade
Jacome asume o goberno da cidade | La Voz de Galicia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome acusa o partido socialista de intentar “boicotear” a execución do plan de obras que o Concello prevé levar a cabo na cidade coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense. Pérez Jácome fixo estas declaracións tras coñecer, esta mañá, que o grupo do PSdeG-PSOE na Deputación presentou alegacións ao programa especial de cooperación entre o organismo provincial e o Concello para executar actuacións como a reforma do Xardín do Posío, a remodelación de parques infantís ou o arranxo de numerosas rúas na cidade

“Estamos impresionados e alucinados ao ser coñecedores de que os 9 deputados do partido socialista, encabezados por Rafael Rodríguez Villarino, que é ademais o concelleiro portavoz no Concello de Ourense, fixeron unha serie de alegacións para frear e boicotear o programa especial de cooperación co Concello para obras na cidade”, manifestou esta mañá Pérez Jácome. Explica o rexedor que o plan é unha fórmula que permitirá ampliar os prazos e levar a cabo obras importantes na cidade, en materia de infraestruturas e medio ambiente, nas que o peso económico o levará o Concello de Ourense, cunhas achegas “simbólicas” da Deputación.

O alcalde entende que o PSOE presenta estas alegacións para “que non se fagan esas obras na cidade. Fai alegacións para botar abaixo esa cooperación e a consecuencia é que se freen obras en Ourense”, co cal, subliña, “o partido socialista encabezado por un concelleiro do Concello de Ourense, está intentando que se freen as obras no Concello de Ourense”. Entende Jácome que “o partido socialista o que quere é que Ourense, canto peor mellor para eles, porque cren que electoralmente así terán máis opcións, aínda que iso sexa a costa de facerlle dano á cidade. É algo, de verdade, inaudito en política”, conclúe o rexedor.

O alcalde asegura que as alegacións “non teñen ningún percorrido. É agarrarse a un cravo ardente, porque non teñen visos de prosperar” e subliña que estas alegacións se unen a outros “intentos de bloqueo” do PSOE a proxectos como a construción da residencia para persoas maiores que promove a Fundación Amancio Ortega, a compra de novos autobuses urbanos para o Concello ou os plans de investimentos na cidade que están a levar a cabo o goberno municipal

--