O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, demandoulle ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a implicación da administración autonómica nos principais proxectos que o Concello quere desenvolver na cidade. Termalismo, medio ambiente ou transporte urbano son algún dos ámbitos nos que o Concello quere contar co apoio e implicación económica da administración autonómica. “Agardamos a colaboración da Xunta con Ourense, que por desgracia é unha cidade discriminada polo Estado español e pola Xunta”, asegurou ao remate da reunión o alcalde, quen espera que “este bo entendemento mitigue un pouco” a situación. Porén, subliñou, “imos necesitar moito máis do falado hoxe. Ourense necesita uns investimentos radicais para deixar de ser a Cenicienta de Galicia”.
Agardamos a colaboración da Xunta con Ourense
Na xuntanza, que se prolongou durante máis dunha hora, na delegación territorial da Xunta en Ourense, o alcalde demandou o apoio da Xunta para que Ourense sexa a primeira cidade de Galicia que ofreza un servizo de autobuses gratuítos. O obxectivo desta iniciativa sería reducir nun 50% o tráfico de vehículos na cidade, poñendo á disposición da cidadanía un servizo de autobuses gratuíto, rápido e con altas frecuencias, coas consecuentes melloras na protección do medio ambiente e redución da contaminación na cidade.
O alcalde demandou tamén o compromiso da Xunta para participar no financiamento do proxecto do parque acuático termal cuberto que o Concello de Ourense quere construír na zona Chavasqueira, nos terreos que actualmente ocupa o antigo matadoiro municipal, coa finalidade de dotar a cidade dunha instalación de grande atractivo que reforce a oferta turística da cidade, que permaneza aberta durante todo o ano. O alcalde tamén solicitou o apoio da Xunta para realizar unha plantación masiva de árbores que permita converter Ourense nunha “cidade xardín”, e mitigar en parte as consecuencias do cambio climático e das altas temperaturas que sofre a cidade durante o verán.
Pérez Jácome demandou tamén que a Xunta de Galicia se posicione a favor da candidatura de Ourense como sede da Axencia de Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, para a que tamén se postulan outras cidades galegas como A Coruña e Santiago de Compostela. O alcalde entende que esta é “unha decisión política”, na que a Xunta debe posicionarse a prol de Ourense.
Bombeiros e transporte metropolitanos
O alcalde manifestou a vontade do Concello de colaborar coa Xunta para a comarcalización do servizo de bombeiros e da implantación do transporte metropolitano, sempre que a administración autonómica asuma os custos que suporá a súa posta en marcha. Tamén colaborará para retomar programas como o Rexurbe e o Ecobarrio, así como a de axilizar as licenzas a proxectos que a Xunta quere desenvolver na cidade, entre outros proxectos.
O alcalde valorou positivamente a vontade da Xunta de realizar unha mellora na oficina de turismo da Ponte Vella, e avanzou a vontade de trasladar a estas dependencias a oficina municipal de Turismo, unificando así a atención ás persoas que visitan a cidade, nunha oficina conxunta, “máis operativa e con mellor servizo”.
Alcalde e presidente da Xunta coincidiron en lamentar a ausencia ou a escasa dotación nos Orzamentos Xerais do Estado de proxectos estratéxicos para Ourense e para Galicia, principalmente en materia de infraestruturas.