O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome denunciou a “hipocresía” da concelleira do PP, Flora Moure por criticar o actual de goberno municipal “pola mala xestión que ela fixo durante a súa etapa á fronte da Concellería de Termalismo”. Pérez Jácome responde ás críticas realizadas no día de onte pola edil, cando responsabilizaba o actual goberno municipal de non ter aproveitado unha subvención concedida pola Xunta de Galicia para reformar o espazo termal das Burgas.
“A subvención era inexecutable”, explica Pérez Jácome, quen lembra que o prazo de execución das obras excedía o prazo outorgado pola Xunta de Galicia para realizalas e xustificalas. Así, detalla que a Xunta de Galicia comunicoulle ao Concello a concesión desta subvención o día 28 de xuño. Dado que o proxecto tiña un prazo de execución de 6 meses, xa non era posible realizar e rematar as obras e xustificar a subvención antes do día 31 de outubro, como indicaban as bases da convocatoria. Por este motivo, o Concello, atendendo as recomendacións do servizo de Termalismo, renunciou a esta subvención, que volverá solicitar o próximo ano 2023.
O Concello si executou obras de acondicionamento e mellora das instalacións doutros espazos termais da cidade, concretamente en Outariz, Burga de Canedo e A Chavasqueira, contando co apoio destas subvencións da administración autonómica. As obras permitiron adaptalos á actual normativa de utilización deste tipo de espazos, e fixeron posible que estas áreas termais xa están abertas de novo ao público.