Jorge Encinas Arnau asinou o seu contrato como novo xerente do Consello Municipal de Deportes do Concello, nun acto presidido polo alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome que tivo lugar no salón de plenos do Concello. O deportista e avogado ourensán asume este cargo, que se atopaba vacante, logo de superar un proceso selectivo ao que concorreron 9 candidatos, dos que só 3 cumprían os requisitos da convocatoria, resultando Encinas o finalmente elixido.
O alcalde destacou o dobre perfil de Encinas, tanto xurídico, na súa condición de avogado, “cun gran coñecemento do Pavillón dos Remedios e da súa maquinaria, ademais de ser moi apoiado polos empregados”, xunto ao seu gran coñecemento deportivo “porque é unha persoa que desde a súa infancia practica o deporte do tiro, chegando a uns niveis de elite que o levaron a ser preseleccionado para os Xogos Olímpicos de Barcelona 92”. “Como xerente vai ser un piar fundamental para o Pavillón dos Remedios e para os deportes en Ourense”, asegurou o alcalde.
Pola súa banda, Encinas Arnau agradeceu “a oportunidade que me brindan tanto o alcalde como o Consello Reitor do CMD. Faime moita ilusión este cargo e a miña intención é traballar ao 100 % polo Consello para, fundamentalmente, achegar aínda máis as instalacións deportivas á cidadanía ourensá, xa que o Consello é a casa de todos os deportistas, e seguir traballando polo deporte e pola cidade”.
O novo xerente avanzou que en primeiro lugar quere completar un “coñecemento moi exhaustivo e detallado de todo” nunha instalación que considera que funciona “bastante ben”, e “mellorar o que sexa posible”. Tamén adianta que lle faría ilusión “traer máis competicións deportivas a Ourense”, e que traballará para manter unha transparencia absoluta no traballo na institución.