Verán

Laias acollerá un dos minicampamentos do programa "coñece galicia"

A proposta ‘Ecoverán termal en Laias’, unha das novidades desta edición do programa, desen-volverase durante o vindeiro mes de xullo en tres quendas de cinco días de duración cada unha.

Óscar Gómez

Ourense | 13.06.2023 08:17

Laias acollerá un dos minicampamentos do programa "coñece galicia"
Laias acollerá un dos minicampamentos do programa "coñece galicia" | onda cero

O albergue turístico de Laias, acollerá no mes de xullo un dos minicampamentos do programa ‘Coñece Galicia’. Nestas instalacións hospedaranse os nenos que participen na proposta ‘Ecoverán termal en Laias’, con tres quendas de cinco días de duración e de 18 prazas cada unha que se celebrarán do 10 ao 14 de xullo; do 17 ao 21 de xullo e do 24 ao 28 de xullo (de luns a venres). As actividades deste minicampamento centraranse nos deportes náuticos no encoro de Castrelo de Miño, aínda que tamén haberá visitas culturais pola contorna, unha ruta ambiental no Parque Nacional Peneda-Géres, outro percorrido en tren turístico polo río Miño en Ourense e baños nas Termas de Outariz.

Xa está aberto o prazo para que as familias soliciten praza neste e nos outros once minicampamentos que se ofertan en ‘Coñece Galicia’, e que están dirixidos a nenas e nenos con idades entre os 10 e os 14 anos. Pódeno facer a través do formulario que está habilitado na páxina web de Xuventude https://politicasocial.xunta.gal/gl. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata cinco días antes da celebración do minicampemento ou ata esgotar prazas. A adxudicación de prazas será por orde de inscrición.

Un total de 600 prazas en 12 establecementos turísticos

A edición deste ano de ‘Coñece Galicia’ pon a disposición das familias un total de 600 prazas nunha ducia de establecementos hoteleiros da nosa Comunidade. Este que terá lugar no albergue turístico de Laias e outro que se celebrará no hotel Candor de A Lama (Pontevedra) son as dúas novas incorporacións do programa.

O resto desta proposta de verán está formada polo seguintes minicampamentos. Na provincia da Coruña: Valdoviño Mariño III, con actividades náuticas e sendeirismo; e Descubrindo a Bela Fisterra II, con propostas para o desfrute do medio mariño. Na provincia lucense: A conquista de Foz IV, con actividades de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural; Aventura na Montaña IV, en Piornedo-Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón III, centrado no turismo de natureza e educación ambiental; e Xeocampamento nas montañas do Courel III, en Folgoso do Courel.

Natureza, deportes náuticos e cultura

Así mesmo, a provincia de Ourense acollerá os minicampamentos Somérxete na natureza III, que se desenvolverá na Pobra de Trives; Acción no Arnoia III, no que os participantes coñecerán o patrimonio natural de Allariz e a súa contorna; e a novidade xa sinalada no albergue turístico de Laias en Cenlle baixo o nome Ecoverán termal en Laias.

Por último, na provincia pontevedresa celebraranse as propostas Aventura en Paradanta III, en Covelo e centrado no desfrute do medio rural; Minicampamento Natura IV, en Sanxenxo; e a nova proposta Aventura e natureza rural no concello de A Lama.