O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na Gala do Automobilismo Galego 2023 na que se entregaron os premios dos Campionatos e Copas de Galicia 2022 nas categorías de escudarías, karting, todo terreo, slalom, autocross, rallymix, montaña, rallys, colaboradores e mencións especiais. O mandatario galego aproveitou este primeiro acto coa nova presidencia da Federación Galega de Automobilismo, encabezada por Antonio Rodríguez Troitiño, á que lle transmitiu a súa confianza “para seguir traballando polos campionatos, polos pilotos e copilotos e pola seguridade para seguir sendo unha referencia en todo o mundo”.
Lete Lasa asegurou que “o automobilismo galego presenta a mellor saúde da súa historia” e enumerou algúns dos seus éxitos para referendalo. Neste sentido destacou as nove probas galegas presentes nos calendarios nacionais como o Rally de Ourense no Supercampionato de España de Rallyes; a Subida a Valdeorras e a Subida a Chantada no Campionato de España de Montaña; o Rali do Coido, o Rías Baixas e o Cidade de Narón na Copa de España de Rallyes de Asfalto; así como o Rías Altas no Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos, o Eco Rally Coruña no Campionato de España ECO-Rallyes de Enerxías Alternativas e o Rally da Auga na Copa de España de Rallyes de Terra.
O secretario xeral para o Deporte tamén enxalzou a categoría dos pilotos e dos copilotos galegos da actualidade como José Antonio Liste, Luis Vilariño ou Iván Ares, presentes en competicións europeas e valorou a valentía dos que este ano volveron ao Dakar como Sergio Vallejo, Diego Vallejo ou Ricardo Ramilo. Lete Lasa amosou asemade a súa satisfacción ao comprobar a longa lista dos máis novos que pouco a pouco comezan a ocupar unha posición privilexiada no panorama automobilístico absoluto entre os que destacou a Roberto Blach, Mauro Barreiro, Adrián Malheiro, Cristian Costoya, Manu Míguez ou Miguel Gayoso.
O responsable do deporte galego afirmou que todos estes éxitos, que son moitos, seguirán medrando co paso do tempo. A Federación Galega de Automobilismo vese beneficiada neste 2023 do maior orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte e recibirá con cargo ao convenio de colaboración ao redor de 182.000 euros, un 8,5% máis que en 2022 -por primeira vez financiarase o karting e o autocross-, ademais dos patrocinios outorgados a meirande proba das probas e dos deportistas citados. Galicia é na actualidade a segunda comunidade en número de licenzas federativas e a terceira en número de clubs.