O mandatario galego destacou a importancia do deporte nas idades máis temperás por ser “hábitos que permanecerán na vida dos máis pequenos ata as idades máis avanzadas” e que permiten que, “pouco a pouco, consigamos esa Galicia activa e saudable que todos queremos e que afasta as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física”. Deste xeito lembrou que a Xunta de Galicia financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias e que, na presente tempada, a prima anual media será de 2,16 millóns de euros, un 21,5% máis que a prima media anual de 2022, grazas ao contrato asinado de 4,3 millóns de euros ata 2024.
A edición da tempada pasada 2021/2022 rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades de Xogade grazas a participación de 117.000 rapaces e rapazas de toda Galicia, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando as cifras de participación pre pandemia, que se situaban nos 128.000 nenos e nenas.
Nesta tempada, 2022/2023 as disciplinas convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade serán un total de 15: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.