A Xunta comezará novos traballos de limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro. As novas actuacións levaranse a cabo na estrada OU-504, que se desenvolve polos municipios do Carballiño, Leiro e Maside; e na OU-405, que transcorre por Ribadavia.
Tamén continuarán as intervencións que xa están en marcha en distintas vías autonómicas, como na AC-214 en Cambre, ou na autovía AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño. En Ourense, continuarán os traballos na OU-402, ao seu paso polo municipio de Cortegada.
Na provincia de Pontevedra, seguirán as intervencións nas marxes da PO-551, en Moaña; na AG-46, que comunica Moaña e Cangas; na CG-4.1, que une tamén os municipios de Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na que une Carril e Baión (VG-4.7.).
Control de biomasa
Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos. As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.