O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou as termas de Cenlle, onde sinalou que este concello ourensán é un dos que pode optar á nova liña de axudas para o acondicionamento e mellora de espazos termais de uso recreativo que hai en Galicia, dotada cun millón de euros.
Segundo sinalou Conde, estas axudas, cuxa convocatoria estará aberta ata o vindeiro 11 de marzo, cobren o 80% do importe das actuacións e poderán destinarse á adquisición e instalación de caudalímetros; sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinais; obras de acometida e canalización de auga; mellora dos espazos verdes e das zonas de lecer; actuacións en vestiarios; ou á construción de peches perimetrais ou proxectos de accesibilidade e seguridade.
Tal e como lembrou Conde, Galicia foi pioneira en España hai dous anos coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, impulsando un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais sen finalidade terapéutica, senón lúdica.
Con esta lei, o outorgamento de concesións e autorizacións para o uso recreativo das augas termais configura un novo mapa termal en Galicia. Así, entre as instalacións que se poden beneficiar destas axudas están as localizadas no Concello de Ourense (con dúas na Chavasqueira, dúas en Outariz, As Burgas e as termas de Burgas do Canedo); de Punxín (O Bañiño de Punxín); Salvaterra do Miño (Pozo de Teáns); e en Cenlle, Os Penedos.
O responsable de Economía, Empresa e Innovación fixo fincapé en que levar a cabo as correspondentes obras de mellora nestes espazos non só vai supoñer unha oportunidade para a posta en valor deste tipo de instalacións; senón que vai ser tamén un revulsivo para o turismo e a dinamización económica dos concellos.
O vicepresidente económico sinalou que con iniciativas coma esta corrobórase que Galicia é un destino turístico sustentable, que ten nos seus recursos naturais un dos seus principais atractivos, e contribúese a afianzar a provincia como capital termal da Comunidade.
Neste sentido, Galicia é a maior potencia termal de España e unha das principais rexións europeas en termalismo, con 300 captacións de augas mineromedicinais (das 2.000 que existen en España), con 21 balnearios, dos que 7 contan coa Q de Calidade Turística, e con 3 centros de talasoterapia. Ademais, a maior concentración de augas termais de Galicia localízase nas comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro.