Ourense Provincia

Lorenzana pon a nova oficina de emprego de Verín como exemplo da modernización

Estas dependencias dan servizo a dez concellos da contorna e contan con 7 profesionais, tras a incorporación de dúas persoas ao novo servizo de orientación e prospección laboral que atenderá ás necesidades de colectivos prioritarios.

Óscar Gómez

Ourense | 29.03.2023 08:09

Lorenzana pon a nova oficina de emprego de Verín como exemplo da modernización
Lorenzana pon a nova oficina de emprego de Verín como exemplo da modernización | onda cero

O novo espazo supuxo un investimento de case 600.000 euros destinados á adquisición do inmoble situado na avenida de Sousas, e á súa reforma. A oficina de Verín dispón agora de máis amplitude e con instalacións máis modernas para facilitar unha contorna de traballo máis confortable, que constitúa un punto de encontro máis amable cos demandantes de emprego, e máis atractivo para o tecido produtivo, dixo a conselleira.

Sete persoas traballan no servizo galego de emprego na oficina de Verín, que o ano pasado prestou atención a case 6.500 persoas. As dependencias contan xa con dous profesionais que ocupan as novas prazas de orientación e prospección laboral co obxectivo mellorar as oportunidades de colectivos con maiores dificultades para obter emprego.

Segundo puxo en valor a conselleira, as novas dependencias de Verín convértense nun espazo onde as persoas traballadoras poden buscar traballo e onde as empresas poden atopar os perfís que precisan para cubrir as súas vacantes de emprego. Un lugar, remarcou, onde tamén se persegue avanzar na empregabilidade nesta área a través da mellora das capacidades profesionais.

Lorenzana dedicou parte das súas palabras ao persoal das oficinas de emprego que, como dixo, co seu traballo está a contribuír a construír un mercado laboral galego máis cohesionado e dinámico.

A Consellería de Promoción do Emprego está apostar este 2023 pola modernización integral do servizo galego de emprego. Esta estratexia pasa pola renovación das oficinas (á que se destinan 3,3 millóns de euros), pola dixitalización do servizo (489.000 euros) e pola mellora da formación das persoas traballadoras (405.387 euros).