A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou que, a pesares da crise sanitaria, o emprego descende en Galicia por cuarto mes consecutivo na evolución mensual e interanual, mentres que no conxunto do Estado segue a medrar. Avogou a curto prazo polas axudas directas, áxiles e vencelladas co tecido empresarial galego; e a medio, pola formación “para mellorar a calidade do emprego” e as ferramentas tecnolóxicas para adaptar a orientación laboral e a colocación ás necesidades do mercado.
“Galicia é a Comunidade que rexistra maior baixada do paro intermensual e interanual en termos absolutos e relativos”, destacou a conselleira de Emprego e Igualdade, quen lembrou que “cando en Galicia diminuímos nun 5,50% o número de parados (en abril) con respecto ao mes de marzo, en España diminúe en menor porcentaxe, nun 0,99%” e “cando en Galicia diminuímos nun 10,88% o número de parados con respecto a abril do ano pasado, en España increméntase esa cifra en 2,07%”.
Segundo relatou Lorenzana, os indicadores do mercado laboral, con aumento tamén nas afiliacións e na contratación indefinida dos galegos, “amosan que os números positivos non só afectan a cantidade, senón a calidade no emprego”.
Lonxe de triunfalismos, a conselleira dixo que, se ben a crise sanitaria repercute negativamente na economía e na empregabilidade, “tamén xurden novas oportunidades de negocio que repercuten de xeito positivo no noso tecido laboral”.
“A pesares da crise sanitaria e dos atrancos provocados polo Goberno central, tanto polo retraso no reparto de fondos como pola redución dos importes destinados ás Comunidades Autónomas, a Xunta foi quen de executar con dilixencia os seus compromisos en materia laboral”, enfatizou a titular de Emprego. Así indicou que Galicia “segue a posicionarse como a primeira comunidade por número de axudas publicadas”, cun total de 82, seguida de Castela e León (con 60) e Madrid (con 54). En
termos de orzamento aplicado en 2020 en axudas ao emprego, especificou, Galicia ocupou o 3º lugar do conxunto do Estado (cun 2,05%), só por detrás de Estremadura (3,14%) e de Euskadi (2,09%).
“As medidas actuais están dando resultados”, aseverou a conselleira, quen aludiu ao destacado esforzo investidor en materia de emprego realizado pola Xunta.
“A curto prazo apostamos como mellor política polas axudas directas, áxiles e vinculadas aos empresarios e empresarias de Galicia”, remarcou Lorenzana. Desde novembro o Goberno galego leva mobilizados 182 millóns de euros no 1º plan de rescate, co 100% dos apoios abonados, e no 2º plan de rescate, completado ao 84%. “Temos previsto que se convoquen e abonen as axudas do 3º plan coa mesma axilidade, o que nos levará a que nuns 7 meses teñamos pagadas axudas por valor de 416 millóns de euros a 150.000 empresas e autónomos de Galicia”, recalcou.
Para mellorar a calidade do emprego a conselleira avogou a medio prazo pola formación dixital, flexible e adaptada e continuada ao longo de toda a vida laboral do traballador e por ferramentas tecnolóxicas como laboratorios de emprendemento en cada comarca e a modernización das oficinas de emprego. Na mesma liña adiantou que antes do verán a Comunidade contará cunha Axenda Galega de Capacidades, froito dun “gran pacto cos axentes sociais” que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación.
Emprego xuvenil
En canto ao emprego xuvenil, no mes de abril o paro neste sector de poboación descendeu nun 12,27% respecto de marzo e na comparativa con abril de 2020 a baixada foi máis importante, dun 22,67%. “Os mozos e mozas galegas constitúen un colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta”, destacou a titular de Emprego e Igualdade, que incidiu en que estes indicadores evidencian que “o noso Goberno tomou as medidas necesarias co tempo suficiente”.