O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na sesión inaugural das VII Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que hoxe desenvólvense na Ribeira Sacra e no concello de Pereiro de Aguiar reunindo a medio milleiro de persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e con representación doutros puntos de España.
A apertura das xornadas tivo lugar no mosteiro de Santo Estevo, onde tamén se deron cita o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; o delegado do Goberno galego en Ourense, Gabriel Alén; e o presidente da asociación provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.
Nunha intervención moi persoal, Luis Menor rememorou a súa etapa como director xeral de Emerxencias de Galicia e puxo en valor “a entrega xenerosa dos voluntarios e voluntarias a prol da seguridade da veciñanza, todo un exemplo para a nosa sociedade”. Ademais, o presidente provincial ratificou o apoio constante da institución provincial ao labor das agrupacións, lembrando que Ourense “é a primeira provincia de Galicia en completar o seu mapa de emerxencias”.
A organización desta xornada pretende recoñecer o labor dun colectivo, o voluntariado de Protección Civil, formado por preto de 4.500 voluntarios pertencentes a 235 agrupacións en toda Galicia. Este colectivo colabora durante todo o ano, de forma altruísta e desinteresada, en todo tipo de emerxencias e operativos velando pola seguridade das persoas.
Cun marcado carácter lúdico, a Xornada de Convivencia dispuxo dun programa no que os voluntarios e voluntarias de protección civil, ademais de participar en diversos talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias, puideron desfrutar dos encantos dunha das xoias da provincia ourensá, A Ribeira Sacra.
O día completouse cun acto de recoñecemento ao labor feito polas voluntarias e voluntarios o longo da súa traxectoria e actividade en Protección Civil, mediante a entrega de medallas e condecoracións. Este acto tivo lugar durante o xantar de confraternidade celebrado en Pereiro de Aguiar, que serviu como clausura das xornadas e ao que tamén asistiu o presidente provincial.