O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, expresou a súa satisfacción pola incorporación á oferta termal da provincia dun novo balneario, logo de que o hotel Oca Vila de Allariz comunicara a autorización oficial que certifica a súa condición como establecemento con instalacións balnearias e augas mineromedicinais.
Luis Menor felicitouse por unha noticia que supón engadir “un elemento máis nun gran sector estratéxico do noso territorio como é o termalismo”. Unha boa noticia, dixo, que contribuirá incrementar a oferta terepéutica e de benestar na provincia de Ourense e a dinamizar un concello “cun gran potencial turístico, como ten demostrado desde hai anos”.

O presidente provincial trasladou os seus parabéns ao director do novo hotel balneario, Maike Pazos, no transcurso dunha reunión celebrada no propio establecemento alaricano e convocada pola Deputación de Ourense para analizar o desenvolvemento do programa de termalismo social.