O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou as instalacións da Escola Provincial de Artes e Oficios, situadas na rúa da Canle. Acompañado polo director deste centro, Francisco González Bouzán, o presidente provincial comprobou in situ o alto grado de satisfacción que teñen as 225 persoas que conforman o alumnado deste ano, coa cifra de matriculación máis alta da súa historia.
“A Escola de Artes e Oficios é todo un emblema da Deputación e, vista a súa evolución constante, a nosa intención é aumentar o número de horas impartidas para poder prestar un mellor servizo, pois está a experimentar o seu mellor momento en moitos anos”, anunciou Luis Menor, dando así resposta ás demandas sobre a sobredimensión que ten actualmente a Escola de Artes e Oficios.
A Escola de Artes e Oficios, bate neste curso récord de matrícula nos seus 132 anos de vida, converténdose nunha das institucións culturais máis lonxevas da provincia e nunha importante canteira de artistas que xa son todo un referente da arte ourensá en disciplinas como a pintura ou a escultura.
Neste novo curso lectivo están matriculadas 225 persoas (un 10% máis que no exercicio anterior) repartidas entre as diferentes disciplinas que alí se imparten: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla de madeira, modelado en barro e oleiría e esmalte cerámico, que se están a formar nas instalacións da Escola situada na rúa da Canle, ao carón da Biblioteca “Nós”.