Luis Menor Pérez foi proclamado o pasado sábado como novo presidente do Partido Popular de Ourense co apoio do 93,74 % dos 575 compromisarios que participaron no 19º Congreso provincial extraordinario do PP ourensán, celebrado no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital coa presenza dos presidentes galego e nacional, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo.
Menor afirmou que pon “a cero” toda a súa bagaxe profesional e política, destacando que, ao igual que en Galicia, “en Ourense fixemos tamén unha transición modélica”. A partir deste momento pediu ao novo equipo manter a unidade como bandeira e dixo ter como obxectivo conseguir a máis ampla base, comprometéndose a manter sempre abertas as portas a todos os que queiran participar: “Aquí cabe todo o mundo para colaborar e achegar, estiveran antes ou sexan novas incorporacións”.
O xa presidente estableceu unha folla de ruta política na que deixou claro que as urnas concedéronlle ao PP a bandeira da representatividade na provincia: “E imos defendela, demostrando que non aceptamos vetos de ningunha forza política”, emprazando aos novos representantes do PP a “non fallar a Ourense”, ademais de pedir “traballo e rigor na cidade fronte ao populismo”.
Nesa defensa dos ourensáns, o presidente emprazou aos representantes do Partido Popular provincial, que hoxe tamén asumiron unha responsabilidade, a que “escoiten e dialoguen, única fórmula do bo traballo, como demostramos cando, doutro lado da mesa, tamén atopamos escoita, diálogo e consenso”.
“Afán colaborador' coas administracións
Como partido que máis se parece a Ourense, indicou, “saberemos das súas necesidades e poderemos ofrecer solucións”, lembrando neste punto a resposta que o PP foi quen de dar na cidade “fronte aos populismos baleiros de contido durante as eleccións autonómicas”, en referencia aos 12 compromisos asinados por Alfonso Rueda e Luis Menor.
Nesta liña abondou no afán de colaboración institucional do PP de Ourense, “que exerce con convicción alí onde goberna”, poñendo tamén como exemplo a capacidade de acordo entre a Deputación e Xunta para definir unha vintena de apostas concretas en proxectos estratéxicos para a provincia.