O salón de plenos da Deputación de Ourense acolleu a sesión extraordinaria de constitución da nova corporación provincial para o mandato 2023-2027 e na que, trala toma de posesión das 25 deputadas e deputados, foi elixido como novo presidente da Deputación Luis Menor Pérez, deputado do grupo popular e alcalde de Pereiro de Aguiar.
Tras recoller o bastón de mando, “que representa aos 92 concellos e aos máis de 304.000 habitantes da nosa provincia”, o presidente felicitou aos novos membros da corporación, aos que pediu “a máis absoluta implicación” con Ourense. Unha provincia que cualificou como proxecto “porque iso implica que non hai conformismo, que sempre imos procurar a mellora, e porque cada xeración ten novas e lexítimas necesidades ás que debemos dar resposta”.
Nese obxectivo afirmou que lle gustaría contar co apoio e a implicación do resto dos grupos políticos da corporación. Como persoa “que escoita, dialoga e cre no consenso” comprometeuse a buscar o apoio de todos os partidos “para levar adiante, coa máxima lexitimidade, os proxectos de provincia”.
No seu discurso, Luis Menor estableceu as que serán as liñas mestras da súa acción de goberno: planificar e priorizar, consolidando iniciativas xa en marcha e atendendo aos novos desafíos da sociedade.
Entre os obxectivos nos que xa se traballa citou fortalezas como o termalismo; o sector do viño ou a calidade do sector primario. Falou tamén de potenciais, como o turismo ou a conexión a través do AVE co centro de España. Non se esqueceu das debilidades da provincia, entre elas a perda de poboación “que só conseguiremos frear con servizos máis eficientes”, citando ademais a creación de áreas industriais e o máximo respaldo ás áreas xa existentes, “aproveitando as novas comunicacións e a nosa privilexiada situación xeoestratéxica”.
No tocante aos desafíos, o presidente apuntou dous retos: poboación e cambio climático. Por unha banda, afirmou, a Deputación de Ourense “está chamada a ter un papel esencial no ámbito do envellecemento, da soidade non desexada e dos servizos sociais, que máis ca un problema pódese transformar nunha oportunidade de futuro”. Sobre o cambio climático comprometeuse a consolidar todas as accións desenvolvidas ata o momento no ámbito do ciclo da auga e seguir profundando na loita contra os lumes, cunha cita expresa ao Centro Integral da Loita contra o Lume de Toén, “instrumento de primeiro nivel para a loita contra o mal endémico dos incendios forestais”.
A cooperación, competencia directa da presidencia
Na cooperación cos concellos, que non é un obxectivo senón “a razón de ser das deputacións”, Luis Menor anunciou que asumirá en primeira persoa a competencia da cooperación, poñendo a disposición dos concellos “todos os recursos económicos, medios materiais e persoal técnico, mantendo e activando todos os servizos e programas que precisen para dar resposta ás súas necesidades”, peticións que coñecerá, adiantou, visitando todos os concellos da provincia: “Terei a inmensa honra de ter o despacho máis grande do mundo: 7.273 quilómetros cadrados”.
Máis aló dos pequenos concellos tamén referiuse á capital da provincia, na que viven un de cada tres habitantes desta provincia. Así asegurou que establecerá liñas de diálogo co Concello de Ourense “para fixar liñas de colaboración en proxectos estratéxicos que beneficien tanto á cidade como ao resto da provincia”.
Luis Menor prometeu tamén “chamar a todas as portas” para traballar en coordinación co resto de administracións públicas, “sen duplicidades e optimizando recursos”, advertindo que “non deixarei en ningún momento de ser reivindicativo co que defendo de xustiza para Ourense”.
Retos e desafíos “coa máxima responsabilidade e estilo propio”
No capítulo de agradecementos, lembrou que esta nova etapa ten como punto de partida “un acto de grande xenerosidade” por parte de Manuel Baltar, recoñecendo tamén “sen distinción de siglas” o traballo desenvolvido polas das deputadas e deputados provinciais no anterior mandato. Tamén tivo palabras de agradecemento para os concelleiros do seu partido pola “emocionante demostración de confianza na miña persoa” para optar á presidencia da Deputación.
Ante un novo un mandato de retos e desafíos “que asumo coa máxima responsabilidade e con estilo propio tamén”, Menor Pérez agradeceu a axuda que vai ter do seu equipo municipal para cumprir co seu mandato como alcalde de Pereiro de Aguiar, agradecemento que estendeu ao que será o seu grupo de goberno na Deputación e aos profesionais da institución provincial.
Ampla representación institucional, co presidente da Xunta de Galicia e do Parlamento á fronte
Desde o propio salón de plenos da Deputación e desde o Centro Cultural Marcos Valcárcel, ao acto asistiu unha ampla representación de autoridades e membros dos ámbitos económico, social e cultural de Ourense. Entre os asistentes se encontraban o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os conselleiros de Promoción do Emprego e Igualdade e de Medio Rural, Elena Rivo e José González; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; así como alcaldes e concelleiros da provincia, entre eles o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que asistiu tamén na súa condición de deputado provincial.