Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense reafirman o seu compromiso coa moción de censura proposta e cuxo obxectivo é que Gonzalo Pérez Jácome deixe de ser Alcalde. O seu Portavoz municipal Luís Seara lembra que, “na última reunión mantida, o BNG deixou a súa sinatura nun documento-proposta de moción de censura agardando polas outras trece necesarias para que prospere, sete do PP e seis do PSdeG-PSOE”, e engade, “sempre nos amosamos dispostos a, despois da moción de censura, traballar a prol da cidade e da súa gobernabilidade”.
Seara ten claro que “o PP nunca quixo censurar a Jácome, pois é con el con quen asinaron en 2019 e no 2023”.
Desde a formación nacionalista lamentan que unha vez máis “se crearan falsas espectativas en boa parte da veciñanza xa que o PP nunca tivo vontade de que a moción prosperase. Nós fomos moi claros desde o primeiro momento namentres que o PP, o único que fixo, ao igual que no mandato pasado, foi pór escusas constantemente, escusas que por certo, aseméllanse moito a iso do que tanto se queixan, liñas vermellas”.
O Portavoz nacionalista adianta que “desde o BNG seguiremos traballando arreo a prol da veciñanza e dos intereses de Ourense, ofrecendo unha alternativa real, seria e rigorosa” ao tempo que augura que, “coñecendo ao PP, voltarán sair ao rescate de Jácome cando sexa preciso e non tardaremos moito en velo”.