O conselleiro salientou que o acondicionamento destas instalacións supuxo un investimento superior aos 100.000 euros, que permitiu introducir diferentes melloras tecnolóxicas, grazas ás que o centro dispón agora dunha zona específica para o despregue do Centro de Coordinación Operativa ante calquera situación de emerxencia. Isto supón que se dotou con zona de reunións, dispoñibilidade para videoconferencias e acceso a toda a información operativa dispoñible.
Ademais, González sinalou que a actuación permite despregar de xeito óptimo as novas fontes de información provenientes das cámaras da Rede de Vixilancia de Espazos Forestais e do vídeo en tempo real das aeronaves e bases aéreas, así como a ampliación e mellora de información de observación e predición meteorolóxica, entre outras utilidades.
Pantallas profesionais
Todo isto, indicou o conselleiro, a través de 10 pantallas profesionais de 65 polgadas cada unha, situadas no panel frontal da sala de control. A maiores, o titular de Medio Rural puxo en valor que este sistema emprega a última tecnoloxía de visionado, con presentación de alta calidade e permite capturar a imaxe de calquera dos ordenadores do centro de coordinación, ou de calquera outro accesible dende a rede de datos.
José González vinculou esta actuación con outras melloras no dispositivo antiincendios na provincia de Ourense, como son os avances nos traballos do Centro de loita integral contra os incendios en Toén ou a mellora das infraestruturas da base do distrito forestal XIV Verín Viana.
O conselleiro trasladou ademais que o acondicionamento e mellora destas instalacións se integra na mellora xeral da organización e coordinación operativa do servizo de loita contra os incendios forestais que leva a cabo a Xunta. Así, neste contexto, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022) inclúe, entre outras melloras e actualizacións, a creación do Sistema Estrutural de Mando Operativo. Trátase de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada, para, entre outras cousas, liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción e establecer unha sectorización, en caso necesario, de cada lume, para xestionar con maior eficacia os medios despregados e os labores de extinción.
Outra mellora introducida este ano no Pladiga, que tamén ten que ver coa tecnoloxía e que foi posta en valor polo conselleiro, é o incremento, con seis dispositivos novos, do número de cámaras da rede de vixilancia forestal, co que se acada a cifra de 148, espalladas por todo o territorio galego.
No Pladiga 2022 tamén se introduciron novas funcionalidades canto á reconstrución dos lumes, así como a posibilidade de xerar perímetros automáticos sobre a superficie afectada por cada incendio, para predicir o seu potencial e tomar as decisións máis acertadas.
Profesionais contra o lume
A maiores destes axustes tecnolóxicos, o titular do Medio Rural enxalzou de novo o esforzo e compromiso dos profesionais que traballan para defender o monte do lume. Cómpre recordar que se trata dun despregue de máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Un persoal que ten á súa disposición 30 medios aéreos (da Xunta e do Estado) e preto de 380 motobombas, entre outros recursos.
O conselleiro rematou indicando que precisamente para coordinar todo este dispositivo é para o que se dispón de centros como este de Ourense, tanto a nivel de distrito como de provincia, así como dunha oficina central para toda Galicia. Deste xeito, concluíu, “temos centos de ollos (humanos e tecnolóxicos) postos sobre o territorio, tanto para previr incendios como para facerlles fronte cando estes se produzan”.