Máis de 1700 solicitudes para acceder aos apoios á renovación de electrodomésticos
As axudas permiten fomentar a cultura do aforro enerxético para avanzar cara a unha economía máis verde, á vez que se apoia a 9000 familias e se reactiva o tecido empresarial e comercial
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos con motivo da posta en marcha da convocatoria de axudas para a renovación de electrodomésticos e para a implantación de domótica enerxética nos fogares galegos.
Os apoios contan cun orzamento de 1,75M€ e prevese que poidan cubrir as necesidades de 9000 familias que poderán obter aforros económicos de 270.000 euros ao ano co obxectivo de avanzar cara a unha economía máis verde, promovendo a cultura do aforro enerxético, á vez que se apoia aos fogares galegos nestes momentos de dificultade facilitando a toma de decisión á hora de adquirir un electrodoméstico.
Desde onte poden solicitarse as axudas para a renovación de electrodomésticos -frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas e encimeras- para substituílos por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética A+++. Ata esta mañá, xa se presentaran máis de 1700 solicitudes. As axudas serán de ata o 25% do prezo para os consumidores xerais, de ata o 50% para os vulnerables e alcanzarán o 75% no caso dos consumidores vulnerables severos. Deste xeito, oscilarán entre os 100 e os 450 euros por electrodoméstico. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada tipoloxía ata un máximo de dous por persoa, polo que a axuda final pode alcanzar os 900 euros, segundo o tipo de consumidor e electrodoméstico.
En canto á liña de domótica enerxética, que se abriu hoxe mesmo, apóiase a monitorización térmica da vivenda e a monitorización eléctrica. As axudas máximas serán de 500 euros por equipo, alcanzando o 50% do prezo da instalación para os consumidores xerais, o 65% para os vulnerables e o 80% para os severos. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para unha vivenda.
As axudas son de concorrencia non competitiva e tramítanse de xeito telemático a través de entidades colaboradoras que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. Poden ser establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venda de electrodomésticos ou empresas de instalación de baixa tensión, instalacións térmicas ou provedoras de solucións tecnolóxicas. Nestes momento xa hai 502 entidades colaboradoras -pero poden seguir sumándose máis ata o 30 de xullo-, que ademais recollen o electrodoméstico vello e entrégano a un xestor autorizado.
As axudas enmárcanse no Plan de reactivación económica e pretenden fomentar o aforro enerxético e o autoconsumo eléctrico como panca para impulsar a economía e xerar emprego, consolidando o tecido comercial e empresarial grazas a unha mobilización prevista de 5,6M€.