MOBILIDADE

Máis de 31.000 viaxeiros diarios nos buses urbáns na semana da mobilidade de Ourense

O goberno municipal fala de "cifras record" na experiencia piloto e cree que se incrementarán un 40% cando se implante a gratuidade dos buses en 2025

Jesús Álvarez

Ourense | 24.09.2024 14:13

Novos autobuses de Ourense (UNVI)
Novos autobuses de Ourense (UNVI) | Onda Cero Ourense

O goberno municipal de Ourense fai "balance positivo" da semana da mobilidade asegurando que "a experiencia piloto da gratuidade dos autobuses urbáns bateu cifras récord" con mais de 31.000 viaxeiros e viaxeiras diarias.

Para o goberno municipal os resultados "alentan boas expectativas" de cara á futura gratuidade permanente do servizo que quere poñer en marcha no vindeiro ano.

Segundo sinalan nun comunicado, os rexistros deste ano superaron un 22% aos do pasado ano e un 12% aos da etapa de prepandemia polo que pensan "que cando a gratuidade chegue a ser permanente o incremento de usuarios/as pode ser dun 40% e marcar un cambio de paradigma en España". Tamén suliñan "o beneficio que reportará esta medida pola reducción drástica do uso de vehículos individuais circulando pola cidade coa conseguinte reducción da contaminación".

Dende o Concello de Ourense consideran que "Xunta e Estado deberían axudar na posta en marcha desta medida pioneira nunha cidade española".