Máis de 400 deportistas de diferentes categorías, pertencentes a 50 clubs de toda España, daranse cita no Parque Náutico de Castrelo de Miño, “un escenario perfecto, dos mellores para práctica do remo e do piragüismo, que dentro duns meses albergará unha competición nacional como a “Coupe da Jeneusse”, “o que permite que nestas semanas a Deputación de Ourense faga posible unha nova pista de regatas para cumprir coas esixencias normativas de ámbito internacional no máximo nivel competitivo”, afirmou Manuel Baltar, quen salientou que Ourense e o turismo deportivo “son sinónimo, e este espazo do Parque Náutico de Castrelo de Miño supón un plus de competitividade, como atracción económica e turística, e a Deputación, da man do concello e das federacións galega e nacional, estamos conseguindo posicionar á provincia como un dos grandes territorios de remo e de piragüismo de España e de Europa”.
Pola súa banda, o alcalde de Castrelo de Miño agradeceu ao goberno provincial o seu apoio ao deporte náutico e ao Concello de Castrelo de Miño, sede do Parque Náutico de Galicia, “porque o feito de que veñan competicións nacionais e internacionais sempre é algo moi positivo para toda a comarca do Ribeiro”, e tamén agradeceu á federación “que está cooperando na ampliación que estamos a facer do parque náutico e coa nova pista de remo, infraestrutura para a contamos co total apoio da Deputación de Ourense”, expresou Avelino Pazos.
José Manuel Seijas destacou a importancia de que estas probas se celebren en Castrelo de Miño, “xa que así os clubs galegos non teñen que desprazarse a outros puntos de España, e ademais supón unha axuda económica para esta contorna, e desde o punto de vista dos deportistas, estas competicións permiten avaliar o seu estado de forma e de preparación cara os campionatos de España, que terán lugar no vindeiro mes de xuño”.