Máis de 70.000 bonos de 100 euros foron descargados durante a primeira semana da campaña de apoio ao comercio e a hostalaría local do Concello de Ourense. O alcalde, Gonzalo Jácome, fixo esta mañá un balance moi positivo destes primeiros días, nos que un 70% das persoas residentes en Ourense xa obtiveron os seus vales e os comercios están a rexistrar unha extraordinaria afluencia de clientes. O rexedor advirte que os efectos da campaña continuarán no tempo, dado que a maior parte dos 10 millóns de euros da campaña aínda non se gastou. “As tendas van seguir cheas varias semanas”, asegura.
Gonzalo Jácome afirma que “desde o Concello de Ourense non deixamos de sorprendernos de como vai evolucionando o bono comercio. Nesta primeira semana é absolutamente impresionante chegar aos 71.000 bonos descargados, que é practicamente o setenta por cento da poboación da cidade”. O alcalde avanza que “se vimos tendas cheas durante estes días, quedan moitos máis así, xa que se gastaron 2 millóns de euros, polo que hai 5 millóns de euros en bonos xa descargados que aínda se van gastar en comercios, hostalaría, salóns de beleza e demais establecementos participantes. E moitos máis bonos que se van facer, xa que o prazo para solicitalos segue aberto”.
Pérez Jácome asegura que con esta iniciativa “imos ser exemplo para outras cidades, que van a replicar este modelo que está a dinamizar o comercio local como nunca se fixo en España”. Sostén o rexedor que “non hai unha experiencia similar, xa que é un bono universal, para toda a poboación e pódese gastar no que se quere: non está condicionado a porcentaxes como outros bonos que se fixeron para unha temática especial. É algo que nunca se fixo e estamos tremendamente felices desta iniciativa que puxemos en marcha”.
O Concello de Ourense ten abertos os prazos para que empresas e particulares poidan participar na campaña. As empresas interesadas poden adherirse até o día 22 de abril, a través da páxina web da campaña www.bonosourensecomercio.gal
Pola súa banda, as persoas residentes en Ourense poderán obter os seus bonos electronicamente até o día 29 de maio e consumilos nos establecementos adheridos até o día 31 de maio. No caso de que precisen retirar os seus bonos en papel no Concello, o prazo rematará o día 22 de maio, solicitando cita previa, a través do número de teléfono 988 78 29 20, de luns a venres, de 8.30 a 14.30 h.