Crisis Coronavirus

Máis de 70.000 chamadas o 012 dende o inicio do estado de alarma

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións do servizo, onde agradeceu o labor dos xestores telefónicos durante estes días, nos que atenderon unha media de 1.000 chamadas diaria

Óscar Gómez

Ourense |

Alfonso Rueda visitou as instalacións do telefono 012, en San Cibrao das Viñas | Xunta de galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o teléfono de atención e información, -012- atendeu dende o inicio do estado de alarma, concretamente dende o 16 de marzo, máis de 70.000 chamadas, das que un 70% -unhas 49.500- se produciron nas liñas directamente relacionadas coa atención de consultas non sanitarias de particulares e empresas relacionadas co coronavirus COVID-19. Un incremento de máis dun 44% en chamadas con respecto ao mesmo período do ano pasado.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, visitaron esta mañá as instalacións do servizo, onde en primeiro lugar, o vicepresidente agradeceu o labor dos xestores telefónicos durante estes días, nos que atenderon unha media de 1.000 chamadas diarias con dúbidas relacionadas co coronavirus.

Alfonso Rueda indicou que dende a Xunta “reforzamos o persoal mantendo un contacto estreito cos cidadáns sempre en tempo real, cunha atención directa cos galegos, nun momento no que había moitas dúbidas, actuando coa máxima transparencia para que todos os cidadáns puidesen ter datos tempo real recibindo toda a Administración solicitada para que puidesen ter ao momento a información que precisaban”.

Debido ao incremento de chamadas, o servizo foi reforzado dende o inicio do estado de alarma cun incremento dun 40% do persoal, coa creación dunha bolsa de 25 traballadores formados na atención no ámbito de coronavirus, creando tamén un servizo diferenciado para as consultas sobre COVID -19. Foi ampliado o horario de atención telefónica, incluíndo fins de semana e festivos en horario, de 8,00- 20,00 h. Ademais foi reforzado tamén o teléfono do voluntariado, co obxectivo de que tanto as persoas maiores como as persoas con necesidades psicolóxicas ou en estado de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, poidan contar cun contacto directo con traballadores altamente cualificados.

Polo que respecta á tipoloxía de chamadas, as mais frecuentes dende o inicio das pandemia, son as dúbidas sobre os desprazamentos permitidos; as axudas ou subvencións ás que poden acollerse empresas, traballadores ou outros colectivo; e diferentes consultas sobre a renovación da tarxeta de desemprego e as prestacións económicas, así como para a aplicación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE).

Tamén foron rexistradas un aumento no Teléfono da Muller, un dos servizos integrados no 012, que rexistrou desde o inicio do Estado de Alarma 685 chamadas, un 70% máis se o comparamos coas 405 do mesmo período do ano pasado e que se debe ao confinamento. Chamadas para consultar dúbidas e información sobre os recursos que teñen as mulleres á súa disposición, así como para recibir apoio psicolóxico ou asesoramento xurídico.