O Partido Popular de Ourense afronta as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio con “dous obxectivos claros: superar o récord de alcaldías e recuperar a maioría absoluta na Deputación”, remarca Manuel Baltar, líder provincial e candidato a revalidar a presidencia do goberno provincial.
Ante o inicio da campaña, que comezará na madrugada do venres 12 de maio coa tradicional pegada de carteis, Manuel Baltar destaca a identificación da formación política que preside coa provincia: “O Partido Popular de Ourense é o Partido de Ourense. O que gaña todas as eleccións porque merece a confianza maioritaria dos veciños da provincia, e nós devolvemos esa confianza con xestión”.
“Nestas eleccións do 2023 presentamos candidatos en todos os concellos e tamén candidato a presidir a Deputación de Ourense”, lembra o líder provincial, “e o facemos con proxectos para cada un dos 92 concellos e cun proxecto para dirixir o goberno provincial os próximos catro anos. Este é un proxecto participativo, que afecta a todo o territorio e que sen dúbida fala da posta a disposición do partido para Ourense”.
Manuel Baltar volve a destacar a porcentaxe de renovación dos cabezas de lista populares -31 dos 92 candidatos son novos respecto a 2019, o que supón o 33,7%-, que se combina coa experiencia na xestión: 55 dos 92 candidatos xa teñen experiencia como rexedor ou rexedora, sumando entre todos eles máis de 800 anos en Alcaldía. A idade media dos 92 candidatos do PPdeOU é de 54,6 anos.
Ademais da renovación e a experiencia, o presidente provincial e candidato á reelección ao fronte da Deputación valora o avance do protagonismo das mulleres ao fronte de candidaturas: “Son 19 mulleres, entre as que xa se atopan 12 alcaldesas e que seguro serán máis despois do 28-M. E o noso obxectivo é, por suposto, seguir avanzando, dentro do noso compromiso coa igualdade real nos espazos públicos”.
Sobre as candidaturas, Manuel Baltar reivindica a súa potencia: “As candidaturas están conformadas por persoas cuns requisitos imprescindibles: moita ilusión, gañas de traballar e compromiso; tres características deste gran proxecto común, que non é so do Partido Popular de Ourense porque é o do Partido de Ourense, e o volveremos a ser despois do 28 de maio”.