O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou que a dimensión, a diversidade, o dinamismo e a capacidade de sobrepoñerse a momentos difíciles da área industrial de San Cibrao das Viñas convírtea no “polígono de Galicia”, engadindo que mostra síntomas dunha notable “actitude competitiva”. Manuel Baltar fixo estas declaracións durante a presentación do estudo O Polígono en cifras, acto celebrado na sede da asociación de empresarios e no que acompañou ao presidente deste colectivo, José Antonio Rodríguez; o alcalde de San Cibrao, Pedro Fernández e o coordinador do estudo, Andrés Mazaira.
Manuel Baltar subliña que o estudo reflicte cifras “que son para presumir, para sentir orgullo de seu do polígono, con 57 anos de vida e unha asociación que leva traballando por esta área desde 1979”. Nesta liña destacou a dimensión da área industrial, “con datos irrebatibles como as 420 empresas instaladas, os 8.350 traballadores e os 4.800.000 metros cadrados de superficie industrial”. Non obstante, apuntou, esta dimensión non sería nada sen a diversidade, “con case 700 actividades económicas diferentes que non hai en ningunha outra zona de Galicia, máis a aposta polo I+D+I estando ao carón da Tecnópole, e a transformación dixital na que están a investir o 53 % das empresas, máis outro 65 % que seguirá facéndoo nos próximos anos”.
Tres de cada catro empresas que viron reducida a súa facturación xa a recuperaron ou están en vías de facelo”
Tamén se referiu o presidente provincial á sostibilidade “como factor estratéxico para unha de cada dúas empresas, en liña coa aposta da Deputación pola economía circular e o emprego verde”. Así, citou, “vemos como o 36 % das compañías posúen plan de redución de consumo e uso de enerxías limpas”. “Somos quen de darlle a volta aos números de Galicia e incluso de superalos en tendencia industrial e internacionalización -engadiu- ademais de resistir a pandemia e recuperarse mellor que ningunha outra zona. Tres de cada catro empresas que viron reducida a súa facturación xa a recuperaron ou están en vías de facelo”
Para Manuel Baltar, O Polígono en cifras é “unha radiografía necesaria para facer ver á xente que existe un dinamismo fóra do común, asentado no tempo, que dura décadas e que esa recuperación e resiliencia da que se fala sobre os fondos europeos son dous dos valores que atesoura a asociación e o polígono como motor de Ourense e de Galicia”. Datos aos que lle deu unha gran importancia “porque axudan a coñecer a realidade e acertar nas decisións públicas”. Igual que no goberno provincial, “onde cremos moito nas cifras e na planificación e por iso podemos dicir que o 30 de setembro estarán aprobados os orzamentos da Deputación de Ourense para 2023, grazas a un plan de mandato que inclúe 146 medidas innovadoras con hora, día e ano de realización”.
Unha eficaz ferramenta para poñer en valor o polígono
O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez, agradeceu pola súa banda a cooperación que atopou na Deputación para facer un estudo que, dixo, “é desde hai catro anos una eficaz ferramenta para poñer en valor e reivindicar esta área industrial, ademais dun baño de realismo pero tamén unha chamada a un optimismo fundado”. Un gran motor de emprego industrial na provincia e un dos máis importantes de Galicia, asegurou, “onde o impacto da pandemia foi enorme, como é tamén agora a capacidade de recuperación”.
“Síntome orgulloso de ser o alcalde do municipio que alberga este polígono”, dixo pola súa banda o rexedor de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández. O documento presentado hoxe, afirmou, “di que todo o que podamos facer desde as administracións será pouco en relación ao retorno que xera, é non só en San Cibrao, senón na provincia e en Galicia”. Fernández asegurou que a asociación sempre atopará no Concello “vontade de cooperación para conseguir melloras”, citando a estación de ferrocarril para mercadorías, a ampliación do polígono ou a mellora das comunicacións.
Andrés Mazaira, coordinador do estudo, destacou a amplitude e profundidade dun traballo que recolle máis de cen indicadores para “facer unha foto de cal é a realidade do polígono e do conxunto das súas empresas”. Explicou o experto que para a obtención dos datos centráronse en tres grandes áreas: a dimensión do polígono e das compañías; a análise de tendencias para coñecer as estratexias das empresas; e a observación do peso que ten tanto no concello como na provincia “ata o punto de que podemos dicir que se o polígono arrefríase, a actividade industrial en Ourense tose”.