O Festival Internacional de Cine de Ourense, que celebrará a súa XXVII edición entre o 23 de setembro e 1 de outubro, presentou esta mañá a súa programación completa no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que “esta é a edición máis ourensá do festival de cine de Galicia”: “Nunca Ourense acolleu tan poucas rodaxes en tan pouco tempo e, tamén grazas ao esforzo do equipo do Festival Internacional de Cine de Ourense, nunca houbo tanto cinema da terra entre a programación do OUFF”.
O presidente da Deputación enmarca este contexto dentro dos “froitos de dúas accións clave do goberno provincial: rescatar o OUFF en 2018 e aglutinar a estratexia de desenrolo do audiovisual en Ourense, convertendo a esta provincia nun gran plató audiovisual a través dun estudado programa de patrocinios. Esta estratexia acelerouse nos últimos tempos e este Festival potencia as consecuencias dun ano histórico”.
Manuel Baltar celebrou que “Ourense vai dando pasos firmes para situarse nunha posición privilexiada dentro deste sector, cunha vintena de producións para cine e televisión gravadas en na provincia nos últimos tempos”, proxectos que se verán nun OUFF que se abrirá “cunha película rodada en Ourense, ‘O home e o can’, e se pechará cun pase especial de ‘A mazá de ouro’, tamén gravada aquí”. Ademais, o presidente da Deputación de Ourense tamén resaltou o protagonismo na programación de máis proxectos patrocinados polo goberno provincial, como “El tirabeque”, “13 exorcismos”, “Honeymoon”, “Amigos hasta la muerte” ou o primeiro capítulo de “Motel Valkirias”, ademais de proxectos con ADN ourensá como “O corpo aberto” ou o documental “Peregrinas” de José Antonio Vázquez Taín.
Nesta consolidación do ecosistema audiovisual ourensán, apuntou o presidente do goberno provincial, “terá unha importancia capital a Ourense Film Commission, que se presentará ao sector neste OUFF convertida na ferramenta deseñada pola Deputación de Ourense para seguir avanzando na consolidación de Ourense como destino do máximo nivel para as rodaxes e permitindo mellorar aínda máis as repercusións socioeconómicas no noso territorio”.
Protagonismo na inauguración para a figura de María Casares
O director artístico do festival, Miguel Anxo Fernández, debullou a programación e adiantou que “este venres 23, que inauguramos o festival, terá un especial protagonismo María Casares”. Entre as novidades de programación tamén engadiu que “ademais de case un centenar de filmes, sendo un estímulo audiovisual, o OUFF está traballando incansablemente en novas liñas de produción propia de exposicións, libros e formación”.
Pola súa banda, Anxo Lorenzo recoñeceu o traballo da Deputación no impulso do sector audiovisual e deixou claro que “o de Ourense é o festival do cine de Galicia” ao converterse, sobre todo nesta edición, “nunha cita ineludible co noso audiovisual, un punto de encontro para o sector e un escaparate para as novidades, cunha programación chea de diversidade e tamén de calidade”.
Como representantes de dous das empresas copatrocinadoras dun festival que aposta pola alianza público-privada, tanto Rubén Saavedra como Xosé Pastoriza quixeron celebrar que Ourense volva “unha cidade de cine”. Mentres que o primeiro fixo público que se sinte estreitamente vencellado ao festival dende o seu inicio porque desenvolve un papel fundamental para a economía e o turismo na zona, o segundo animou á cidadanía a “escribir o guión do seu propio futuro”.
Así será o festival: proxeccións
Cunha edición na que se pasarán máis de 70 longametraxes procedentes de países como Francia, Serbia, Croacia, Bulgaria, Eslovaquia, México, Argentina, Puerto Rico ou Colombia, -ata facer un total de 25-, o OUFF presenta unha Sección Oficial na que todas as películas se poderán ver por primeira vez en Galicia. Ademais, no caso de “Restos do vento”, de Tiago Guedes; “Perfume de gardenias”, de Macha Colón; “How I learned to fly”, de Radivoje Andic; e “O corpo aberto”, de Ángeles Huerta; o pase do Festival de Cine de Ourense tamén suporá a estrea española. Dentro da mesma sección, “O home e o can”, de Ángel de la Cruz, terá no festival a súa estea mundial e “A mazá de ouro”, de Jaime Chávarri, un pase especial. O director, ademais, tamén recibira a Calpurnia de Honra e ofrecerá unha masterclass arredor da dirección de actores e actrices.
O OUFF contará tamén con varias seccións paralelas como Inédito en Ourense, Sesións Especiais, Ciclo Xacobeo, Cine e auga, Panorama Galicia, Cine e literatura, Cine na cadea, Ciclo Nicolás Echevarría, Ciclo Unam, OUFF Series ou Cine Familiar, unha ampla amalgama do mellor cinema internacional para todos os públicos e todas as idades.
As entradas para as sesións de pago poderán adquirirse a partir de mañá, mércores 21 de outubro na páxina galicine.es ou no despacho de billetes dos Cines Ponte Vella. No tocante ás sesións que teñan lugar en sedes como o Cineclube Padre Feijoo ou o Teatro Principal, o público poderá retirar unha entrada de balde a partir dunha hora antes do inicio da sesión no lugar da proxección e, no caso do Teatro Principal, tamén facer unha reserva na súa web.