Economía

Manuel Baltar destaca “o potencial da economía verde"

O “emprego verde”, salienta a importancia de “reagrarizar” a provincia de Ourense “tendo en conta a importancia da agraoalimentación e da innovación”

Óscar Gómez

Ourense | 01.07.2021 09:44

Manuel Baltar destaca “o potencial da economía verde"
Manuel Baltar destaca “o potencial da economía verde" | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, xunto ao profesor Andrés Mazaira, os resultados dun novo informe do Observatorio Económico Ourensán (OEOu), específicamente baseado na “economía verde”, que rexistra máis de 8.000 empregos na provincia, “o que pon de manifesto o novo modelo de competitividade que significa o “emprego verde”, salientou Baltar, destacando a importancia de “reagrarizar” a provincia de Ourense “tendo en conta a importancia da agraoalimentación e da innovación”.

“Trátase de miles de empregos vencellados a este sector, a economía verde, un área de gran relevancia e cun tremendo potencial”, expresou o presidente, quen destacou os datos da EPA do último trimestre, cunha ocupación de 113.900 ourensáns, que é a cifra máis alta desde o primeiro trimestre do ano 2013, que foi cando empezamos coa xestión do Observatorio na Deputación de Ourense, planificada desde febreiro de 2012. Temos un 1,7% máis de ocupación que no 1º trimestre do ano 2020, cando Galicia descendeu un 2,1% Ourense subiu, confirmando así o maior crecemento de todas as provincias galegas”.

Ata o momento, o Observatorio Económico Ourensán presentou 13 estudos, informes nos que se fala desta nova realidade, dos cambios tecnolóxicos masivos e nos cambios nos modelos de produción. “Estase a construír un novo modelo de crecemento económico, en consonancia cos obxectivos da Unión Europea, que abrangue o sector agroalimentario, a economía verde e innovación, que encaixan dentro dos fondos europeos. Iso significa que Ourense está en condicións de responder nestes novos tempos a eses obxectivos”, afirma Baltar, quen expresa a importancia “de reagrarizar a provincia, sen desatender a industrialización, porque estamos a falar dun Ourense que é despensa orgánica de produtos naturais, pois somos a provincia galega con maior porcentaxe de superficie agraria ecolóxica. E esa posición de vantaxe nos ten que impulsar para seguir sendo proactivos día a día e a colaboración con todos os sectores público-privados, coa universidade, cos profesionais liberais, coa cultura, ou o turismo”.

Baltar remarca que as conclusións do Observatorio sobre o emprego verde en Ourense están vencelladas ao optimismo, o futuro e a un horizonte moi prometedor, “contando cunha administración provincial que ten amosado durante este tempo: xestión económica rigorosa, con débeda cero, liderado en transparencia, planificación estratéxica con plans de mandato, e mesmo aprobar os orzamentos antes que ningunha outra administración pública en España”.

“Todo elo conflúe e fai que este proxecto que é Ourense sexa cada vez máis inclusivo e enriquecedor, e boa mostra diso é que desde 2013 temos os mellores datos de emprego, anque temos que ter en conta ás persoas que se atopan en ERTEs e noutras dramáticas situacións provocadas pola crise económica da pandemia; pero a Deputación de Ourense estivo aí, apoiando con axudas directas aos autónomos da provincia, e tamén temos un plan de emprendemento para fixar poboación no medio rural e estamos con proxectos europeos que tamén serán clave, como o de dixitalización turística”, explicou Manuel Baltar.

Estudo do Observatorio

Dende o punto de vista metodolóxico, este estudo do Observatorio sobre economía verde engloba diferentes áreas económicas: as dedicadas a corrixir, minimizar e rexenerar os efectos adversos da actividade humana no medio ambiente, as que producen bens ou servizos de forma respectuosa co medio ambiente, os servizos de control preventivo, as empresas de investigación para lograr eco-eficiencia, e as actividades vencelladas á chamada economía circular.

As case 300 empresas ourensás englobadas nos apartados enumerados supoñen case o 15% das totais nesa categoría no conxunto de Galicia (máis de catro puntos superior ao que lle correspondería por número de empresas, xa que as ourensás representan o 10,8% das mercantís galegas) e colócase por riba da Coruña e Pontevedra, pero por baixo de Lugo, dado o peso específico do sector primario nesta provincia.

A súa importancia laboral queda reflectida en que a 31 de decembro de 2020, 2.169 afiliados á Seguridade Social na provincia estarían traballando en actividades económicas vencelladas co emprego verde, o que representaría un 2,16% del total de cotizantes na provincia, e cun crecemento do 5,4% respecto a finais do 2019.

No contexto galego, Ourense e Lugo son as provincias nas que o emprego verde ten un maior peso relativo sobre o emprego total, cun 2,16% ámbalas dúas, medio punto máis que a porcentaxe que representa o emprego verde no conxunto de Galicia, o que supón cerca dun 20 % máis en termos relativos. En A Coruña acádase o 1,81% de afiliación e en Pontevedra, o 1,40%. A media galega é do 1,75%.

O informe do OEOu detense tamén na influencia das actividades económicas do emprego verde e economía circular a nivel comarcal, e conclúe que a porcentaxe de afiliados móvese entre o 8 % da comarca de Terras de Caldelas e o 1,5% da comarca de Verín.A comarca de Terra de Caldelas lidera tamén a clasificación comarcal a nivel galego, situándose 7 das 12 comarcas ourensanas por riba da media galega y seis delas (Terras de Caldelas, Baixa Limia, Valdeorras, Viana, A Limia e Allariz-Maceda) dentro do primeiro cuartil. Ademais 5 das 6 comarcas citadas, a excepción de A Limia, están no primeiro cuattil do núcleo central de emprego verde a nivel galego.

Sector estratéxico

A importancia destas actividades e a súa repercusión no contexto económico provincial ven dado polo seu propio peso específico, pero tamén franquea posibilidades reais de progreso a futuro polo seu carácter estratéxico. Como salienta o estudio, a revolución sostible “está provocando o crecemento significativo das ocupacións vencelladas á protección e a xestión medioambiental como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a xestión dos residuos e a auga, a preservación da biodiversidade ou a produción primaria sostible e ecolóxica”.

Segundo Eurostat, entre 2002 e 2011 o emprego do sector verde en Europa pasou de 3 a 4,2 millóns de ocupados, medrando un 20% incluso nos anos de recesión. En España entre 2014 e 2019 o crecemento foi do 18%.