No marco da novena edición da Ourense ICC Week, o Teatro Principal acolleu esta tarde a estrea en Galicia de “Honeymoon”, película gravada en Ourense co patrocinio do goberno provincial. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na presentación da película -previa á proxección do filme- xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director da película, Enrique Otero; e os protagonistas, Javier Gutiérrez e Nathalie Poza.
“Ourense é cultura e creatividade”, reivindicou Manuel Baltar antes de incidir no peso específico do audiovisual como dinamizador do territorio e sinalar a importancia do apoio das administracións públicas para implementar proxectos como “Honeymoon”: “A cultura e a creatividade non teñen portas, son un vehículo perfecto de posicionamento dun territorio como Ourense, que xa é un marco perfecto de rodaxe para calquera produción audiovisual”.
O presidente da Deputación lembrou a decena de rodaxes gravados en Ourense en 2022, nun camiño que continúa este ano a través de proxectos como “+Cuñados”, que se está a rodar estes días na provincia tamén co apoio do goberno provincial. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura destacou na súa intervención “a calidade e o dinamismo” do audiovisual galego, “un ecosistema formado nos últimos anos de alto valor económico e profesional”.
Dende a parte artística, o director e os actores protagonistas resaltaron a “honra de estrear en Ourense” e puxeron en valor a “alta calidade de todo o equipo desta película”.
Thriller dramático con tintura de humor negro
“Honeymoon” conta a historia dunha nai e dun pai sen recursos suficientes para repatriar o cadáver do seu fillo desde os Estados Unidos. Para conseguir o diñeiro que necesitan faranse pasar por vendedores de películas de debuxos animados. Con guión de Roberto González Méndez (“Platos combinados”; “Libro de Familia”; “Matalobos”) e do propio Enrique Otero, a película é un thriller dramático con tintura de humor negro, aínda que en realidade os seus autores falan dunha historia de amor desgarrado. Protagonizada por Nathalie Poza y Javier Gutiérrez, el reparto artístico inclúe unha importante representación galega con Antonio Durán "Morris", María Tasende e María Vázquez , ademais de Fernando Albizu y Pablo Derqui.
A produción corre a cargo de ControlZ e AccaMedia -compañía que rodou El secreto de Ibosim, a primeira película sostible do mundo e pegada de carbono cero-, e xunto co apoio da Deputación de Ourense conta tamén coa axuda Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o patrocinio do Xacobeo e a colaboración da TVG, así como tamén da Valladolid Flim Commission.
Mellor guionista novel
Enrique Otero (A Coruña, 1972) iniciou a súa traxectoria profesional en 1992 mesturando o cine coa música. Nese ano rodou a curtametraxe “Coitelo” e gravou co grupo Kozmic Muffin o seu primeiro disco, “Nautilus”. Despois de case dez anos ligado á música rodou a curta “Os Crebinsky”, coa que en 2002 gañou o 7º Festival La Fila de Valladolid. Oito anos máis tarde transformaría este título nunha longametraxe protagonizada por Miguel de Lira que narra en clave de comedia unha historia que se desenvolve en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial. Con esta película, Enrique Otero obtivo un ano despois, en 2011, o premio ao mellor guionista novel no Festival de Málaga.