O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o concello de San Amaro para reunirse co equipo de goberno liderado polo alcalde, Fernando Redondo, conversar cos veciños do pobo e avanzar novas liñas de colaboración abertas entre ambas administracións en infraestruturas e equipamentos para os veciños.
“Hai xusto un ano que Fernando Redondo é alcalde de San Amaro e neste ano foi unha verdadeira fábrica de xerar proxectos, formulacións, obras e melloras para os veciños do concello”, sinalou ao remate da visita Manuel Baltar, garantindo o “apoio e a alianza da Deputación, o concello dos concellos da provincia, e que ve en San Amaro un exemplo de dinamismo, de forza e de futuro con Fernando como o seu alcalde”.
O presidente da Deputación estivo esta tarde no antigo campo de fútbol de San Amaro, que está a ser recuperado coma centro hípico co apoio do goberno provincial: “Este é un exemplo de visión municipal que está a construír unha nova realidade para dinamizar o rural”. Unha iniciativa, recalca o alcalde, “nova e ilusionante, canalizada a través dunha entidade sen ánimo de lucro con máis dunha década de experiencia traballando con nenos nun programa de equinoterapia e que xenera valor e con potencial para o desenvolvemento do noso pobo”. Manuel Baltar e Fernando Redondo reuníronse coas directivas de tres entidades veciñais: AAVV San Cibrao, a Asociación Cultural Comisión de Festas Neves de Grixoa e a AAVV Neves de Grixoa.
O presidente do goberno provincial avanzou o futuro apoio da Deputación aos respectivos proxectos de mellora dos equipamentos sociais propostos polo rexedor, atendendo ás demandas dos veciños: a mellora da instalación eléctrica do centro da AAVV San Cibrao, a ampliación do centro social da Asociación Cultural Comisión de Festas Neves de Grixoa e o apoio á AAVV Neves de Grixoa para contar cun novo centro social.
“Estas tres asociacións, das que esta tarde escoitamos as súas demandas a viva voz, perseguen o mesmo que nós: traballar polo territorio e aumentar o benestar dos veciños”, recalcou Manuel Baltar.
“Infraestruturas, apoio ás familias e promoción de San Amaro”
Pola súa banda, Fernando Redondo remarcou que “neste ano de goberno, palabra clave para min é ilusión e a volta á estabilidade e aos proxectos por e para os veciños”, avanzando tres liñas de actuación: “A mellora das infraestruturas; o apoio incondicional ás familias a través de iniciativas como o programa Concilia e as bolsas de axuda creadas este ano de 150 euros para todos os nenos matriculados no colexio de San Amaro; e a promoción cultural e económica do concello, con proxectos como o Festival Céltico, realizado en colaboración coa Deputación, e a creación da escola hípica e de equitación San Amaro”.
O alcalde destacou a “colaboración das institucións e, en especial, de Manuel Baltar e a Deputación de Ourense como os mellores aliados para os veciños de San Amaro”.