O líder dos populares ourensáns presentou na sede provincial o informe das eleccións municipais, que foi aprobado por unanimidade polos integrantes da Xunta Directiva Provincial
“O resultado das municipais avalan o presente e, sobre todo, o futuro do modelo do Partido Popular de Ourense”, explicou Manuel Baltar, “Crecemos en número de votos, en número de concelleiros e en porcentaxe de apoios”, resaltou Manuel Baltar, que tamén incidiu nas 60 vitorias -51 maiorías absolutas acadadas e 9 maiorías relativas-, e con “posibilidade de aumentar o poder territorial”
“Acadamos doce deputados provinciais, faltando 154 votos no Partido Xudicial do Ribeiro para acadar o deputado número 13 que daría a maioría absoluta”, explicou Manuel Baltar. En clave municipal, o líder provincial destacou a maioría absoluta acadada por César Fernández en Ribadavia, definíndoa coma un “modelo do exemplo de traballo municipal do PPdeOU”, ademais de sinalar o éxito dos liderados consolidados “dun xeito maioritario polos seus veciños” en concellos referentes de toda a provincia, como San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Lobios, Bande, Boborás…
A Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Ourense aprobou por unanimidade a seguinte declaración:
“En relación coa información publicada polo medio dixital Público na súa edición do 27 de maio, o Partido Popular de Ourense desmente o contido da mesma. O Partido Popular de Ourense, tal e como prevén o artigo 66.1 E 66.2 dos seus Estatutos, a través do Comité Executivo Provincial aproba cada ano tanto as contas do exercicio vencido como o orzamento do vindeiro.
A contabilidade do Partido Popular de Ourense intégrase na contabilidade nacional do Partido Popular e son sometidas aos controis legalmente previstos, mediante unha auditoría interna e o control do Tribunal de Contas. Os gastos ordinarios e de funcionamento cóbrense mediante os ingresos provenientes das cotas dos seus afiliados, das achegas dos seus cargos públicos e
orgánicos, as transferencias dos grupos provincial e municipais, e, por último de transferencias desde a sede autonómica do Partido Popular de Galicia en concepto de axuda para gastos de funcionamento. De conformidade co disposto na Lei Orgánica de Financiamento de Partidos Políticos, as doazóns recibidas a favor do Partido Popular de Ourense efectúanse na conta nacional de doazóns aberta para o efecto, sendo as últimas rexistradas no ano 2019.
En relación cos procesos electorais, os gastos en que se incorre sufráganse desde a conta de campaña, que se nutre de achegas da sede nacional e a través de fondos propios, cumpríndose un dobre límite de gasto: o legalmente previsto e o imposto pola Dirección Nacional, máis restritivo que o anterior”.