O candidato á alcaldía de Ourense polo Partido Popular, Manuel Cabezas, incorporará ao seu proxecto de cidade un estudo detallado sobre as máis de 1.500 demandas e suxestións que fixeron os mozos ourensáns durante a campaña "Que Ourense queres?", realizada por Novas Xeracións durante os meses de xaneiro e febreiro en seis barrios da capital.
Na sede provincial, onde os membros da organización xuvenil elaboraron un mural con todas as notas recollidas, Manuel Cabezas afirmou que o traballo realizado pola mocidade do PP “é un exemplo extraordinario de saber escoitar, de saber escoitar, un magnífico traballo de campo preguntando directamente á xente que quere para a súa cidade”.
"Son os mozos os que constrúen o noso futuro", afirmou Manuel Cabezas, quen asegurou que "nunca podería plantexarme un proxecto de cidade sen escoitalos, como tamén fixeron saíndo á rúa". Motivos máis que suficientes, dixo, “para consideralos como un dos mellores compañeiros de viaxe que teño neste reto”.
Despois da Semana Santa, dixo o candidato, “devolveremos á cidadanía esta obra transformada en accións concretas que explicaremos para todos e cada un dos barrios de Ourense”. Unha aposta de futuro, engadiu, “tamén feita coas achegas de asociacións e colectivos cos que nos reunimos, que entendemos que son positivos para a cidade e polos que loitaremos paso a paso”.
Máis mobilidade urbana e oferta cultural
O presidente da agrupación local de Novas Xeracións, Manuel Novoa, tamén valorou “a capacidade de escoita que vimos no noso candidato, que nos animou a saír e escoitar á mocidade á súa vez”.
Dada a diferenza xeracional, “Manuel Cabezas quixo saber exactamente o que pensamos os mozos ourensáns para engadir novas ideas ao seu proxecto; e como cremos que non se pode pensar no futuro sen ternos en conta, lanzámonos a esta tarefa de escoitar”.
Entre as ideas e demandas máis numerosas recibidas durante a campaña está a mobilidade, un aspecto sobre o que os mozos piden máis conexións co campus universitario e a estación intermodal. Cómpre salientar que case o 50% das solicitudes de mellora da mobilidade foron recollidas en zonas como San Francisco e O Couto, neste último barrio con maior énfase nas conexións co complexo hospitalario.
Outro dos aspectos que destaca o informe é o problema da seguridade nocturna, polo que preto do 30% dos mozos manifesta a súa preocupación. Ademais, un de cada tres post-it que os participantes na campaña deixaron nos murais reclama unha maior oferta cultural na cidade. O arranxo e humanización de rúas e un impulso decidido ao termalismo foron outras das suxestións máis repetidas, con máis dun 14% e un 9% de solicitudes, respectivamente.