O delegado territorial sinalou que a colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Boborás permitiu dotar a este municipio ourensán da súa primeira piscina pública municipal grazas ao acordo asinado en 2022 entre a Xunta e o Goberno municipal no marco do chamado Plan Hurbe.
Así, cun investimento comprometido en virtude do referido convenio de máis de 650.000 euros, a Administración autonómica asume o 70 % do custo da nova piscina e o concello de Boborás, o 30 % restante.
As instalacións deportivas ocupan unha parcela de 13.506 metros cadrados, destinada antes a campo de fútbol, e constan de 2 vasos de auga (un para adultos e outro para nenos) cunha zona de praia en formigón armado e con tratamento especial para evitar esvarar. Así mesmo, tamén se construíu unha edificación anexa para ofrecer servizo de bar, con área de vestiarios e enfermería e un cuarto para instalacións diversas e almacén.
Manuel Pardo destacou a importancia que teñen para os concellos determinados proxectos urbanísticos pola súa incidencia na mellora da calidade de vida da veciñanza, e resaltou que os equipamentos urbanos desempeñan tamén un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural e se converten, á vez, en elementos estruturais da contorna.
Neste sentido, lembrou que grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan Hurbe desde o ano 2010 se executaron ou comprometeron un total de 165 actuacións urbanísticas na provincia de Ourense, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.