Educacion

Manuel Pardo salienta a educación como piar fundamental para o futuro da sociedade

O delegado territorial da Xunta presenta a Feira Educativa - Espazo de innovación e colaboración educativa que se desenvolverá en Expourense os días 2 e 3 de abril.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Manuel Pardo salienta a educación como piar fundamental para o futuro da sociedade
Manuel Pardo salienta a educación como piar fundamental para o futuro da sociedade | onda cero

“A importancia da educación como piar fundamental para o futuro da sociedade. O que importa é o mañá, o que importa é o que vaiamos facer no futuro porque ao final o futuro de Galicia vai depender do que fagamos hoxe nas aulas”. Así o manifestou, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na presentación da Feira Educativa - Espazo de innovación e colaboración educativa que se desenvolverá en Expourense os días 2 e 3 de abril.

O evento, organizado conxuntamente pola Xunta e a Deputación de Ourense, porá tamén en valor o traballo transformador dos centros educativos da provincia de Ourense mediante a exposición de proxectos innovadores que evidencian o compromiso coa calidade, a creatividade e a renovación pedagóxica. Estas iniciativas reflicten a capacidade dos centros para adaptarse aos retos do século XXI, integrando metodoloxías activas, tecnoloxías emerxentes e enfoques orientados á sustentabilidade e ao benestar.

Manuel Pardo, aseverou que este tipo de encontros axudan a promover a interacción entre universidades e centros educativos para fortalecer o desenvolvemento de boas prácticas pedagóxicas e a formación integral do alumnado, alienando as competencias coas demandas da educación actual. O representante do Goberno galego indicou que estas feiras “son unha oportunidade única para a orientación vocacional e profesional dos estudantes e das súas familias”. Neste sentido, destacou que nestes eventos unen as súas forzas os distintos axentes e administracións implicadas na educación, xa que se expoñen diferentes ofertas formativas, desde a de FP e universitaria ata as relacionadas cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Galicia Educa

Estas xornadas enmárcanse no calendario Galicia Educa de feiras educativas impulsado pola Xunta co obxectivo de dar visibilidade ao bo traballo dos centros e impulsar a orientación vocacional do alumnado. Inclúe un total de 17 citas que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar en diferentes puntos da Comunidade, tanto de ámbito autonómico como provincial e comarcal.

Presentadas recentemente polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; trátase dunha nova iniciativa que ten como obxectivo que o alumnado e os docentes conten con este tipo de escaparates onde amosar orgullosos o magnífico e innovador traballo que se realiza nas aulas galegas día a día, que é unha boa mostra ademais da igualdade de oportunidades que dá o noso sistema educativo.