A creativa ourensá María Álvarez recibiu o II Premio Olimpia Valencia, que a Deputación instituíu como recoñecemento honorífico para aquelas persoas ou entidades que destaquen na defensa da igualdade e dos seus dereitos. A galardoada recibiu de mans do presidente do goberno provincial a reprodución dunha peza orixinal do escultor cambadés Francisco Asorey, "O tesouro", recoñecendo a traxectoria “dunha referencia global no mundo da publicidade e a creatividade”, segundo destacou Manuel Baltar durante o acto de entrega do premio celebrado no Marcos Valcárcel coa presenza de numerosos representantes políticos e da sociedade ourensá xunto a familiares e amigos da homenaxeada.
O presidente da Deputación subliñou a súa "inmensa satisfacción" por contar na relación de premiados do Olimpia Valencia "cunha muller capaz de incluír o ‘big data’ e as novas tecnoloxías na publicidade e dar respostas de vangarda ás novas necesidades da industria creativa”, apoiada, sinalou Manuel Baltar, nunha biografía que é “unha poderosa reivindicación da formación, do esforzo, dos valores familiares e da loita pola igualdade”.
María Álvarez, destacou Manuel Baltar, “é un referente do Ourense do século XXI, esa provincia moi consciente das súas orixes. Esa terra que aposta pola creatividade e o talento, que é capital galega da moda, da Formación Profesional, do audiovisual ou da ciberseguridade. O territorio mellor conectado de Galicia que non esquece, nunca, de onde ve e a onde quere ir”.
“Olimpia Valencia, Luisa Pérez e María Álvarez marcan a evolución da nosa terra”
Con este galardón, cuxa creación foi aprobada no pleno celebrado en febreiro de 2021, a Deputación de Ourense, lembrou Manuel Baltar, recoñece a figura de Olimpia Valencia (Baltar, 1898) que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado (1925), estudos que rematou con premio extraordinario e matrícula de honra, profesión que exerceu na especialidade de xinecoloxía en Vigo ata o seu pasamento en 1987.
O presidente da Deputación fixo referencia a Olimpia Valencia e a Luisa Pérez, recoñecida co Olimpia Valencia na súa primeira edición, unindo os seus nomes ao de María Álvarez como “símbolos” de tres épocas que marcan “a histórica evolución da nosa terra no último século. Un camiño que nos leva dende a primeira médica de Galicia ao da homenaxeada esta tarde, a primeira muller integrada no ‘board’ de dirección europeo de WPP, o maior grupo publicitario mundial con máis de 200.000 profesionais e presenza en 113 países”.
“María Álvarez é representante dunha xeración de ourensás criadas en democracia e que, impulsándose a través do esforzo das súas nais e as súas avoas, levan o nome de Ourense polo mundo sen perder, nunca, os vencellos coa súa terra”, resaltou Manuel Baltar, que sinalou que cando “nos xuntamos a homenaxear a mulleres como María Álvarez estamos a afondar dun xeito colectivo no que significa a Ourensanía, eses vencellos comúns que nos reforzan como pobo e alimentan a nosa identidade”.
María Álvarez: “Debemos seguir loitando para que a muller ocupe o seu lugar na sociedade”
María Álvarez expresou a súa satisfacción e agradecemento á Deputación de Ourense polo premio, destacando a evolución histórica da sociedade galega, “marcada por ese marabilloso matriarcado, con espazo propio nas casas e que nos ten ensinado tanto a tantas xeracións”.
A homenaxeada definiu a súa traxectoria como un camiño “de esforzo, no que me atopei con barreiras que puiden superar con traballo, os meus valores e manter sempre presente as miñas raíces”. “As mulleres temos que defender o noso espazo, loitando pola igualdade entre todos nós”, valorou María Álvarez, que pechou a súa intervención mirando o futuro: “Debemos intentar que as novas xeracións de mulleres estuden carreiras de ciencias e debemos seguir loitando para que a muller ocupe o seu lugar na sociedade”.
A laudatio correu a cargo da vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, que fixo un percorrido pola vida profesional da premiada, destacando algúns dos fitos laborais e persoais “dunha muller elegante, humilde e repleta de valores” e valorando o seu traballo a prol da igualdade na sociedade.
O xurado recoñece o seu traballo “para importantes axencias no mundo da creatividade, os medios e as estratexias de comunicación”
A acta do xurado destaca os vinte anos de traxectoria profesional de María Álvarez, “traballando para importantes axencias no mundo da creatividade, os medios e as estratexias de comunicación, así como pola súa inquietude pola constante formación".
O xurado desta segunda edición estivo presidido pola deputada de Igualdade, Luz Doporto, exercendo como secretaria a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Ascensión Sampayo, e como vogais a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; a presidenta da Federación de Comercio, Beatriz Gómez; a vicerreitora do campus de Ourense, Elena Rivo; a directora do Museo Municipal de Ourense, Eva Torres; e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro.
Creativa para grandes marcas nacionais e internacionais
María Álvarez Gómez (Ourense, 1974) naceu e estudou no barrio da Ponte ata marchar a Madrid para cursar Ciencias da Información, na rama de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade Complutense. Pronto viuse atraída pola creatividade e os medios, encamiñando a súa carreira cara estes ámbitos e traballando e importantes axencias onde elaborou estratexias de comunicación para grandes marcas nacionais e internacionais.
Desde 2019, María Álvarez María é managing director de The&Partnership, unha das axencias líder no sector a nivel mundial. En constante formación a través de diferentes escolas de negocio, tamén profundou na Universidade de Harvard a revolución que está a provocar na sociedade actual a transformación dixital. Cómpre destacar tamén a súa participación como xurado na categoría de medios no Festival internacional de Creatividade de Cannes deste ano.