Preto de 40 grupos procedentes de diferentes provincias de España, Italia e Portugal encherán de tradición as rúas de Viana do Bolo e Vilariño do Conso durante os días 19 e 20 de marzo, coa celebración da VII edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica, presentado hoxe no Salón de Plenos de Viana do Bolo. No acto participou a xerente do Inorde, Emma González; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Andrés Montensinos e Abelardo Carballo, respectivamente; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda, Jorge Domínguez; e a vogal da Asociación “Xuntos polo folión” de Vilariño, Nieves Rodríguez.
A Deputación de Ourense colabora con esta celebración cultural que “amosa as verdadeiras raíces da tradición dos pobos e as súas sinais de identidade, logrando converterse nun referente a nivel internacional”, dixo a xerente do Inorde, quen salientou que este evento “conta cun gran valor etnográfico entre os visitantes que están interesados pola cultura e polos costumes dos territorios”, tal e como se puido constatar nalgunhas das actuacións de carácter promocional que realizou o Inorde, como por exemplo, na Feira de Intur, onde algúns asistentes preguntaron expresamente pola “Mascarada Ibérica”.
Neste mesmo sentido, Emma González dixo que esta iniciativa encaixa á perfección “coa esencia da marca turística que creamos para a provincia de Ourense, representada a través da grafía “OU” ligada á palabra “xenuina”, porque iso é o noso destino: un percorrido pola nosa esencia e pola nosa identidade a través dunha variada oferta que vai desde o patrimonio e a natureza, ao termalismo e a enogastronomía. E, mostra dese compromiso co patrimonio etnográfico é este festival”.
Os representantes de ambos municipios manifestaron a súa satisfacción por poder retomar este Festival “multicultural e internacional que cada ano amplía o seu programa de actividades como este ano no que se inclúe o ViBoMarket e o ViBoMusic, sendo un motor económico para o tecido empresarial dos nosos territorios”, salientou Melisa Macía. Os edís agradeceron o labor levado a cabo polas asociacións para sacar adiante este macropoxecto, converténdose en “gardiáns deste patrimonio”, engadiu a xerente do Inorde.
Agrupacións participantes
Os preto de 40 grupos participantes nesta sétima edición proceden de España: Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha, País Vasco; de Portugal: Bragança e Viseu; e de Italia: de Sardeña.
Programación
Jorge Domínguez, quen agradeceu a implicación das institucións provincial e municipais, foi o encargado de explicar a programación organizada para esta sétima edición que “cada ano crece e incorpora novas actividades para que serva de escaparate tamén da nosa gastronomía, artesanía e música”. Así mesmo, o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda dixo que este tipo de eventos “deben desenvolverse no rural porque é aquí onde nacen as nosas raíces e nos permiten contribuír a manter viva a herdanza dos nosos antepasados”.
As actividades desta edición comezarán xa o venres, 18 de marzo, en Viana do Bolo, a partir das 11.30 horas cunha conferencia que baixo o título “Unha ollada antropolóxica” celebrarase no IES Carlos Casares. Así mesmo, ao longo da mañá poderá visitarse a exposición sobre o Entrudio de Viana do Bolo na propio sala de exposicións do Concello. E, ás 20.00 horas, comezará a foliada polas rúas de Viana con diferentes grupos de música.
Ao día seguinte, o 19 de marzo, o Festival continuará en Viana do Bolo onde, ademais de continuar aberta a exposición, a partir das 11.30 horas inaugurarase “ViBoMarket”, o mercado de produtos artesanais locais que estará ubicado na rúa Ceferino Armesto e a rúa das Mazairas). A música chegará coa sesión vermú ás 12.30 horas, e o desfile desta edición de Mascaradas Ibéricas terá lugar a partir das 16.30 horas. Por último, ás 20.00 horas haberá actuacións musicais na Praza Maior, que continuará co “ViBo Music” a partir das 22.00 horas.
O último día do festival, o 20 de marzo, as actividades trasladaranse ata Vilariño de Conso onde a partir das 10.00 horas abrirá o “ViBo Market” no campo do fútbol do municipio. E, a partir das 11.30 horas, celebrarase o esperado desfile de Mascaradas Ibéricas. Pola tarde, continuará a programación, pero no Concello de Viana do Bolo, ás 17.30 horas, coa representación da obra “A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende O Courel ata Nova Orleáns”, ACF O Fiadeiro xunto con exalumnos da ESAD de Galicia, na Casa de Cultura do municipio.