Nos últimos tres anos, a Consellería do Medio Rural realizou un investimento de case 10 millóns de euros para a compra ou o aluguer dun global de 427 vehículos destinados ao persoal dos diferentes servizos da mesma. O conselleiro entregou 20 vehículos híbridos que se repartirán entre as catro provincias galegas, cun orzamento total de 720.000 euros. As provincias da Coruña e Lugo contarán cada unha con seis destes novos vehículos, mentres que as de Ourense e Pontevedra recibirán, cadansúa, catro. Neste caso, o obxectivo é atender principalmente as necesidades do persoal de oficinais rurais e oficinas agrarias, ademais das xefaturas territoriais.
Os vehículos entregados esta mañá son todos híbridos e a súa adquisición foi financiada cunha axuda de 100.000 euros -5.000 por cada vehículo- outorgada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no marco do Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica.
Renovación do parque móbil
O titular do Medio Rural destacou hoxe o traballo feito ao longo dos últimos tres anos para mellorar o parque móbil da Consellería e que, lembrou, seguirá o vindeiro ano con investimentos, por exemplo, para seguir renovando os vehículos todoterreo do Servizo de Prevención e Extinción dos Incendios Forestais (SPIF).
Polo que respecta ao balance dos últimos tres anos, no 2021 destináronse preto de 2 millóns de euros para a renovación de vehículos das oficinas agrarias, adquirindo 120 novos. En novembro do ano pasado entregáronse outros 89 vehículos todoterreo para o parque móbil do departamento forestal, cun investimento de 3,5 millóns de euros.
E neste ano, os 20 vehículos de hoxe súmanse a un total de 61 novos todoterreos destinados aos axentes ambientais, entregados en xaneiro e xullo cun investimento de 2,7 millóns; ao que se suma outro millón destinado á subministración, mediante aluguer na modalidade de renting, doutros 137 vehículos tipo pick-up para as brigadas de seis meses.