No marco da Orde de creación e mellora de infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais renováronse tres parques infantís situados en Ponte Noalla, Novo Piñeiral e Outeiro Calvo. A Xunta apoiou as obras con 35.000 euros que se utilizaron para cambiar os xogos existentes por outros tipo torre en cada un dos espazos. No caso de Novo Piñeiral e de Outeiro Calvo recolocáronse as randeeiras previamente retiradas e instalouse tamén pavimento de caucho.
Por outra banda, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, San Cibrao recibiu 23.500 euros para a adquisición dun vehículo con distintivo ECO destinado ao servizo de mantemento de parques e xardíns. Deste xeito apóstase por unha dotación respectuosa co medio para o transporte tanto do persoal coma da maquinaria e útiles precisos para o seu labor.
Segundo sinalou Diego Calvo, ambas as iniciativas enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía e motores de desenvolvemento. “Trátase así de garantir o equilibrio territorial entre o rural e o urbano, a costa e o interior”, engadiu.
No eido da liña de colaboración para a mellora de infraestruturas, dotada con 3,5M€, o vicepresidente segundo sinalou a relevancia das actuacións nos parques infantís, como “espazos de lecer fundamentais para as familias e a fixación de poboación no rural”. Así, o pasado ano “das 108 axudas concedidas, 29 foron para actuacións de mellora, ampliación ou cubrición destas áreas de xogo”, apuntou.
Diego Calvo destacou tamén a importancia de facilitarlles aos concellos a protección da súa contorna natural a través da adquisición de recursos acordes ás esixencias ambientais da sociedade actual. Neste sentido, lembrou que a Xunta destina máis de 11M€ a impulsar estas accións co Fondo de Compensación Ambiental.
Máis de 340.000 euros das liñas de apoio ao eido local
Ao abeiro das distintas medidas de apoio ao eido local, o concello de San Cibrao das Viñas recibiu nos últimos anos máis de 340.000 euros que permitiron realizar melloras en instalacións deportivas e de lecer, así como nas dotacións municipais dedicadas ao mantemento dos espazos naturais, entre outras accións.
A maiores, Calvo destacou que as entidades locais reciben tamén o apoio autonómico a través do Fondo de Cooperación Local, que este ano suma 143,4M€. Nesta liña, San Cibrao das Viñas recibiu en 2022 preto de 219.500 euros do Fondo Base de Cooperación Local.