A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de acondicionamento da Ponte Frieira, na estrada OU-412, nos concellos de Crecente e Padrenda.
Esta actuación, cun investimento de 47.600 euros, terá un prazo de execución de 4 meses. O obxecto da obra é a reparación desta ponte que cruza o Miño e conecta os dous núcleos da Frieira, un pertencente ao concello de Crecente e o outro ao de Padrenda.
Esta infraestrutura tamén permite o acceso peonil á estación de tren da Frieira mediante unha escaleira metálica. Os traballos céntranse no arranxo das deficiencias da estrutura, así como de elementos como as escaleiras, a varanda, as beirarrúas e as xuntas.
A reparación da estrutura metálica da escaleira e a súa varanda realizarase mediante un chorreado con area a alta presión e unha limpeza con aire para eliminar residuos. Tamén se acometerá un tratamento superficial do aceiro coa aplicación dunha pintura de protección. Nas beirarrúas reporase a baldosa hidráulica nas zonas deterioradas e disporanse cubrexuntas.