Medio Rural

Mercaproximidade da Xunta deu saída ao excedente de pataca da Limia

Máis de 450 agricultores, gandeiros e industrias se sumaron a Mercaproximidade, así como a práctica totalidade das cadeas de distribución que operan en Galicia

Óscar Gómez

Ourense |

José González, conselleiro de Medio Rural | Xunta de galicia

A canle Mercaproximidade da Xunta deu saída ao excedente de pataca da Limia que quedara almacenada pola emerxencia sanitaria. Así, esta fórmula de venda alternativa conseguiu mobilizar “máis de tres millóns de quilos de tubérculo dos catro millóns depositados nos almacéns” ao inicio do estado de alarma.

Foi o que sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, que acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con membros da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). González aproveitou para agradecerlles “o seu labor nestes tempos de dificultades” á hora de garantir o abastecemento de alimentos, así como a súa solidariedade, xa que parte da pataca mobilizada pola entidade foi doada con fins sociais.

Segundo explicou o conselleiro, a meirande parte dos máis de tres millóns de quilos de pataca da Limia aos que deu saída Mercaproximidade foron comercializados polas dez cadeas de distribución que se sumaron á rede, as principais que operan en Galicia. A maiores, efectuáronse compras para abastecer hospitais, cociñas económicas, bancos de alimentos e entidades sociais do conxunto de España.

En concreto, “a Xunta doou case 133 toneladas” de tubérculo para poñelo ao alcance dos menús dos centros sanitarios e das familias máis vulnerables nesta crise. Ás outras empresas que mercaron tamén pataca para entidades sociais hai que engadir a maiores as máis de 160 toneladas cedidas por un produtor de Adegal, de xeito desinteresado.

Ao abeiro de Mercaproximidade

O titular de Medio Rural apuntou que a comercialización da pataca da Limia ao abeiro da rede Mercaproximidade se enmarca na boa marcha da iniciativa, que conta con máis de 450 gandeiros, agricultores e industrias adheridos como provedores. Da banda da distribución, colaboran adquirindo e vendendo as súas producións as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, El Corte Inglés, Carrefour, Grupo Cuevas, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Precisamente nos seus establecementos, e nos medios de comunicación, segue visible a campaña de sensibilización e comunicación que lanzou a Xunta en paralelo, para concienciar á sociedade da importancia de apoiar o agro galego, non só pola calidade dos seus produtos, senón tamén polo seu papel fundamental para garantir a subministración de alimentos durante o estado de alarma.

O conselleiro lembrou que ao cancelo desta campaña, #VoudeSúperFeirón, se sumou recentemente outro, #FeirónNaCasa, para invitar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos a través de receitas culinarias. Porque “ao abeiro de Mercaproximidade todos sumamos, e todos queremos seguir sumando”, concluíu.