Turismo

Os “Museos das estacións” do Inorde volven a abrir ao público

Rosendo Fernández visitou a estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga o Museo do Automóbil – Fundación Reverter e o Museo do Traxe Galego, que pode visitarse xa con cita previa

Óscar Gómez

Ourense |

Rosendo Fernández visitando a Estación de Santa Cruz de Arrabaldo | Deputacion de ourense

Os “Museos das estacións” de tren que o Inorde ten arrendadas a ADIF e que foron rehabilitadas co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza (Interreg IIIA), volven a abrir ao público.O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, visitou a estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga o Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter e o Museo do Traxe Galego, que poderá visitarse de novo mediante cita previa.

O obxectivo da rehabilitación destas estacións foi convertelas en enclaves para a revitalización económica, social e cultural das áreas que a forman, convertendo estas zonas en espazos de lecer, ecoturismo, turismo activo natural e cultural a través da recuperación e potenciación das rutas da Vía da Prata e os camiños portugueses, así como as vías xacobeas e a Vía Nova. Todo isto foi posible grazas á vinculación histórica das estacións cos espazos nos que se establecen, que lles confiren un gran atractivo patrimonial e ambiental converténdoas en factores de gran interese para o desenvolvemento destas comarcas.

  • Estación de ferrocarril de Baños de Molgas:

    Museo Moncho Borrajo: Espazo cultural que recolle a totalidade do legado do artista Moncho Borrajo, con material de atrezo utilizado polo artista ao longo da súa carreira, premios, obxectos persoais, pinturas, curiosidades así como documentación sobre a súa vida e as súas obras; os artigos máis representativos da vida cultural e persoal do actor ourensán nado en Baños de Molgas. Ademais da súa biblioteca persoal con máis de 3.000 libros.

    Sala de Exposicións: Situada na planta baixa, alberga o legado pictórico persoal do artista con obras de Dalí, Sorolla, Laxeiro,… ademais de exposicións rotativas temáticas.

    Restaurante – Cafetería: Ambientada como unha cantina histórica con temática ferroviaria.

    Albergue Turístico: Situado na primeira planta, conta con 10 habitacións.

    Esta estación é base de actividades deportivas xestionadas pola Fundación ADO Moure, especializada en ciclismo de estrada e de montaña, conta cun circuíto de mountain bike.

    Horario: de martes a domingo polas mañas de 11.30 ás 13.30 horas, e de tarde de 16.30 ás 20.30 horas. Ata o 15 de outubro do 2020.

  • Estación de Santa Cruz de Arrabaldo:

    Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter: O Museo Estanislao Reverter inaugurouse o 11 de Xuño de 2014, nel recóllese o legado deste destacado piloto de rallys, un dos pais do automobilismo galego, falecido en 1991. O Museo recolle a traxectoria deportiva de Estanislao Reverter e nel expóñense parte dos fondos da Fundación Estanislao Reverter. Consta de dúas plantas.

    A planta superior é un percorrido pola vida deportiva de “Lalao” desde os seus inicios, no ano 1955, ata o seu último Rallye en 1975 onde a través de fotos, trofeos, placas, regulamentos e rutometros, rodas dos seus vehículos, a maqueta restaurada por Marcial López do Circuíto do Noroeste e diverso material, repásanse os vinte anos en activo como piloto.

    A planta baixa dedícase ás outras facetas de “Lalao”: creador do Rallye de Ourense e fundador de Escudaría Ourense, promotor de pilotos co seu equipo Reverter Competición e construtor do mítico Alpinche. Conta cun Goggomobil, trofeos, unha colección de coches en miniatura de parte de vehículos cos que correu Estanislao, cascos de diferentes épocas, revistas, libros, monos de competición e diversas distincións entre a que destaca a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo e a distinción ao Mérito Constitucional. Tamén conta cun espazo para albergar ao mítico Alpinche unha vez sexa restaurado.

    Da súa longa traxectoria como piloto hai que destacar as súas 54 vitorias absolutas en probas de diferentes especialidades (rally, circuíto e montaña), 12 participacións no mítico Rallye de Montecarlo, onde ía participar como piloto oficial de Rover no ano 1966; e as súas dúas vitorias no Rallye de España – RACE, naqueles tempos o máis importante do automobilismo nacional.

    Museo do traxe tradicional galego: O museo do traxe de Sta Cruz de Arrabaldo nace da necesidade de dar un espazo expositivo ao material etnográfico relacionado coa vestimenta tradicional que ao longo dos anos foi recuperando a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, integrada no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.

    A mostra, en dous espazos claramente diferenciados e ilustrada cuns paneis informativos, ofrece en primeiro lugar unha selección de traxes tradicionais da segunda metade do século XIX e principios do século XX (uns orixinais e outros fieis reproducións) pertencentes aos diferentes estamentos sociais, dende os ricos traxes de gala ata a humilde indumentaria dos labregos.

    Nunha segunda sala realízase unha viaxe polo proceso de elaboración dos tecidos (liño e la), dende a obtención da materia prima ata a súa transformación nunha tea, pasando pola preparación para o fiado, o fiado, o traballo no tear, cunha ampla mostra de material empregado para este traballo.

    Horario: mediante cita no teléfono 988 317 930, na web inorde.com ou no correo electrónico inorde@inorde.com.

  • Estación de tren de Os Peares (A Peroxa):

Aula- Museo do Ferrocarril: Exposición permanente sobre a historia do ferrocarril en Ourense, situada no antigo peirao de mercadorías. A aula do ferrocarril, concibida como un espazo único, está organizada en seis bloques temáticos. Nela os visitantes poden gozar dunha interesante exposición sobre a historia do ferrocarril, con especial atención á estación de Os Peares: infraestruturas como aparellos e elementos de vía, sinalización, electrificación…; lampistería (farois de iluminación de locomotoras, estacións, sinalización…).

A colección conta ademais con elementos de comunicación (centrais, reloxos…) uniformes, e complétase con modelismo, xoguetes e arte.

Así mesmo, no edificio principal atópase a cantina histórica decorada con temática ferroviaria e imaxes históricas, que ademais conta cunha biblioteca relacionada coa mesma.