Saude

Nos primeiros 15 días mais de 850 persoas atendidas no programa Porta a Porta

Os autobuses despregados pola Xunta de Galicia polas catro provincias ofrecen servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria para as persoas maiores. A Consellería de Política Social destinará a esta iniciativa pioneira 10 millóns de euros entre este ano e o que vén

Óscar Gómez

Ourense | 18.04.2022 10:30

Nos primeiros 15 días mais de 850 persoas atendidas no programa Porta a Porta
Nos primeiros 15 días mais de 850 persoas atendidas no programa Porta a Porta | onda cero

O programa Coidados Porta a Porta, posto en marcha pola Consellería de Política Social, atendeu nos seus primeiros quince días de funcionamento máis de 850 persoas. Os autobuses, que percorren desde o pasado día 30 todos os concellos galegos agás as sete cidades, ofrecen servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 de anos que o soliciten.

Ao longo destas dúas semanas os autocares visitaron os municipios coruñeses de Cambre, Bergondo, Carral e Culleredo; os lucenses de Ourol, Xove, Valadouro e O Vicedo; os pontevedreses de Baiona, Tomiño, Nigrán e O Rosal; e os ourensáns de San Amaro, Melón Cenlle e Beade, onde permaneceron entre dous e tres días para prestar servizo a todos os veciños que o pedisen. Nos vindeiros días viaxarán aos concellos de Miño, Alfoz, Tui e Castrelo de Miño.

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todos os galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.