O Concello de Ourense decidiu prorrogar a exposición Os nosos entroidos até finais de agosto debido ao éxito que tivo durante o seu primeiro mes aberto. Durante as últimas cinco semanas entraron na Sala Valente máis de 6.000 persoas para contemplar as diferentes pezas dos entroidos ourensáns. Neste tempo, a exposición foi crecendo e sumando novas pezas ás 110 coas que inicialmente partía, incorporando novos traxes, caretas, fotografías e outros elementos distintivos dos nosos entroidos tradicionais. Hoxe en día, séguese traballando na incorporación doutros novos.
Por todo isto, “vaise manter a exposición co mesmo protocolo que as grandes exposicións, é dicir, seis meses”, afirma o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de modo que “a maior exposición dos entroidos ourensáns que se tivera realizado xamais en España” poderana seguir visitando os ourensáns e todas aquelas persoas que se acheguen á cidade nos vindeiros meses, “moitos ourensáns que viven na diáspora, como tamén turistas que visiten a nosa cidade”, di.
O aforo máximo permitido neste recinto segue sendo de 25 persoas, debido ás medidas sanitarias para facerlle fronte á pandemia da COVID 19.
O horario da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) é de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 de horas martes a sábado; os domingos, de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado.