Tras o estudo das necesidades e das características do local e da súa contorna, estableceuse unha zona administrativa no acceso, con catro postos de traballo con atención ao público, ademais dunha zona de espera. No resto das instalacións, procedeuse a incorporar un aseo con vestiario e ducha para os veterinarios, unha zona de almacenamento, despachos e unha sala de videoconferencia, ademais de novas instalacións de climatización e iluminación, apostando pola eficiencia enerxética. Todo co obxectivo -recalcou o titular de Medio Rural- de prestar unha mellor atención á cidadanía do rural, ao tempo que se mellora a contorna de traballo dos empregados públicos.
Posteriormente, o conselleiro supervisará as obras da nova sede do Distrito Forestal XIV Verín-Viana e do Centro de Coordinación do Distrito, onde xa se acometeron melloras e se implementará unha Base de Unidade Operativa (BUO), cun investimento próximo aos 500.000 euros.
Así, a superficie total construída destas instalacións é de 2.444 m². Na planta alta estará a sede do distrito e o Centro de Coordinación, cunha superficie de 417 m², e desde este último xestionaranse os incendios forestais e poderanse visualizar mediante o sistema de vixilancia forestal despregado pola Consellería. Tamén conta cunha sala de reunións e outra de formación.
Doutra banda, a zona do BUO dará cabida a bombeiros forestais, así como aos vehículos todoterreo e aos camións motobomba. Tamén haberá outras dependencias tales como vestiarios, almacén, sala de exercicio e zona de lecer.
Neste punto, o conselleiro fixo alusión aos plans da Consellería do Medio Rural para os puntos de encontro das brigadas de incendios, que se están a reformular como BUO e que concentrarán non só estes profesionais, senón tamén outros traballadores do propio servizo como son os condutores de motobombas, os axentes e outros. Nesa liña, referiuse aos proxectados en Muíños, Mondoñedo ou Lalín, nestes tres casos previstos en madeira estrutural.
Así mesmo, o conselleiro lembrou que se acaba de aprobar con carácter definitivo o proxecto de construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza, no marco do Proxecto Interlumes, nos concellos de Verín e Oímbra, que suporá por parte do Goberno galego un investimento de 4,3 millóns de euros.
Indo máis aló, referiuse a infraestruturas como o futuro Centro integral de loita contra o lume de Toén, ao que onte se desprazou para inaugurar as novas pistas de adestramento para vehículos, así como para facer entrega de 13 motobombas ao Servizo de prevención e extinción. Mostra do compromiso -recalcou- pola mellora de instalacións e de medios a disposición dos efectivos contra os incendios.