Cultura

Nova edición das Tertulias Literarias en colaboración co Concello de Ourense

Máis de 300 escolares de toda a provincia e unha trintena de profesores compartirán experiencias e ideas entorno ao libro “Indolente”, de Alberto Mancebo.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Nova edición das Tertulias Literarias en colaboración co Concello de Ourense
Nova edición das Tertulias Literarias en colaboración co Concello de Ourense | Onda Cero

César Fernández, destacou o fomento da lectura como “gran compañeira para os máis novos” durante a presentación do ciclo de Tertulias Literarias de 2025, actividade organizada pola Deputación de Ourense xunto ao Concello da capital. A edil de Educación, Tamara Silva, tamén participou no acto celebrado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel. As tertulias, que recibirán a máis de 300 escolares e a unha trintena de profesores da provincia, celebraranse no Liceo de Ourense.

César Fernández puxo en valor o obxectivo da “aprendizaxe da reflexión” no proceso de lectura, así como a oportunidade de “esquecernos da instantaneidade” con este hábito. Pola súa banda, a concelleira Tamara Silva, subliñou o “éxito de promoción de lectura” que xera esta actividade, impulsada xa en 2015.

“Indolente”, de Alberto Mancebo, centra as primeiras sesións

As Tertulias Literarias son un programa educativo cuxo obxectivo é fomentar a lectura comprensiva e crítica, considerando esta actividade de gran valor didáctico, na que se fomenta a lectura como eixe básico da programación de actividades educativas, con programas como a campaña de animación a lectura e a realización de debates organizados.

O ciclo comezará con alumnos de ESO e Bacharelato, cunha primeira fase de tertulia de galego.

Do 31 de marzo ao 3 de abril

As datas destas primeiras tertulias serán o 31 de marzo, o 2 e o 3 de abril, a partir das 16,30 horas no Liceo de Ourense. En concreto, serán 313 escolares e 32 profesores -da cidade e doutros centros- os que porán en común experiencias e ideas entorno ao libro “Indolente”, de Alberto Mancebo.

Para poder realizar este acto, un grupo de traballo, formado por 32 profesores dos centros participantes, xunto coa coordinadora do programa Tertulias Literarias, mantiveron varias reunións previas, ademais de traballo de aula cos alumnos. Neste ciclo, tamén se contará ca presenza da escritor o día 3 de abril, ás 18.00 horas, no Salón Nobre do Liceo.