Ourense Provincia

Nova manifestación para salvar o entorno de San Pedro de Rocas

Onte tivo lugar no mosteiro de San Pedro de Rocas unha concentración-camiñada baixo o lema SALVEMOS ROCAS, organizada por SOS Ourense e o ente estatal Fundación Moreiras San Pedro de Rocas

Óscar Gómez

Ourense | 07.03.2022 08:42

Nova manifestación para salvar o entorno de San Pedro de Rocas
Nova manifestación para salvar o entorno de San Pedro de Rocas | onda cero

O acto comezou ás 11:45 h da mañá, grazas á presenza dunhas 300 persoas, sensibles e conscientes do valor incalculable do BIC Paisaxe Cultural exoámbito San Pedro de Rocas, coa máxima categoría de protección, a de Paisaxe Cultural, que protexe o seu medio natural, histórico, ambiental, paisaxístico, arqueolóxico, viario, hidrográfico, arquitectónico, artístico, vernáculo, antropolóxico, cultural e social, nas súas amplas dimensións materiais e inmateriais, impedindo calquera modificación ou alteración deste de tódolos elementos que hoxe conservamos.

A estrada afectada na que se iniciaron os traballos, non se pode concibir como unha estrada ao uso, xa que se trata do único tramo que atravesa o coto do mosteiro en apenas un quilómetro, área que non se debe tocar baixo ningún concepto segundo a leis de Patrimonio autonómica e estatal, velaí as dúas primeiras denegacións da Dirección Xeral de Patrimonio no 2011 e 2018. É como pretender alterar o trazado dunha vía histórica nun centro histórico, porque é continuidade dunha estrada maior. O coto do mosteiro, un dos poucos conservados integramente sen fragmentación na súa extensión (40ha) ata os nosos días, coas súas zonas de cultivo, camiños, muros perimetrais e divisorios, construcións que pertenceron ao mosteiro benedictino, Camiño Real, así como o xa coñecido, é un espazo arqueolóxico e histórico de incalculable valor e para a súa protección creouse fai máis dun ano a Fundación que leva o seu nome para o seu estudo e protección.

Así por iso, numerosas persoas déronse cita esta mañá, para percorrer o coto do mosteiro, contemplar a súa beleza e os valores a preservar. A zona afectada polas obras, só poderían ser pavimentadas de novo, sen alterar absolutamente nada do seu trazado, perfil, paisaxe, árbores, natureza, topografía, muros, camiños, etc... estritamente a lei só permite "pavimentar". A pregunta que cabe facerse é, por que non pavimentan só? os autobuses xa chegan ao pé do mosteiro, como os asistentes puderon comprobar unha vez máis esta mañá.

As persoas alí presentes leron un manifesto en defensa do conxunto integral do mosteiro, realizaron un percorrido de 900 m ao longo das vías deste e para finalizar, concentráronse na zona afectada, que supón unha 20% da área patrimonial a destruír, onde leron a segunda parte do manifesto e realizaron unha posta en común dos aspectos preocupantes do que pode suceder.