A nova ruta da liña 6A do servizo de autobuses, a través da Ponte do Milenio, entrará en funcionamento no mes de abril coa chegada dos novos vehículos que o Concello adquire este ano para renovar a flota municipal. Deste xeito, os novos autobuses serán os primeiros que crucen o río Miño a través da Ponte do Milenio, no canto da Ponte Nova, por onde circulan na actualidade. Con esta modificación, o Concello quere dotar dun mellor servizo e cobertura á cidade. A 6A converterase nunha liña troncal de Ourense, dotará de servizo a instalacións como Pavillón Municipal de Deportes dos Remedios e o novo edificio de xulgados, e mellorará a conexión coa zona norte do barrio do Couto.
A 6A converterase así nunha liña autenticamente troncal, que percorrerá de Norte a Sur a cidade, con este percorrido: Estación antiga de autobuses - Estación intermodal - Parque da Ponte - Ponte do Milenio - Xulgados - Pavillón dos Remedios - Concepción Arenal - Parque de San Lázaro - Alameda – O Posío – Residencia - Barrocás