Infraestructuras

Nova senda peonil que unirá os concello de Pereiro, Paderne e San Cibrao

Para mellorar a seguridade e a accesibilidade adecuáronse 3 paradas de autobús de dotáronse con 3 novas marquesiñas. Estes novos itinerarios enmárcanse no Plan de sendas da comarca de Ourense, que permitiu executar xa 12 sendas e un total de 14 km cun orzamento de máis de 6 M€.

Óscar Gómez

Ourense | 18.10.2023 08:10

Nova senda peonil que unirá os concello de Pereiro, Paderne e San Cibrao
Nova senda peonil que unirá os concello de Pereiro, Paderne e San Cibrao | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o investimento da Xunta de 1 M€ para ofrecer aos veciños do Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas 2,8 quilómetros de novas sendas para unha mobilidade sostible e segura na Medorra e Paiseo.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde e presidente da Deputación, Luis Menor; o alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez; e representantes do concello de San Cibrao das Viñas, comprobou hoxe o resultado das obras destes dous novos itinerarios executados pola marxe esquerda da estrada autonómica OU-101.

unha importante mellora da seguridade

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que se trata de sendas mixtas para uso principalmente peonil, diferenciadas da calzada para máis seguridade e con pavimento de formigón cor terrizo. Precisou que, en total, se construíron 2,8 quilómetros de sendas pola marxe esquerda da OU-101, en zonas que carecían de espazo para o tránsito de peóns e nas que, polo tanto, se conseguiu unha importante mellora da seguridade nos desprazamentos a pé.

As obras empezaron o ano pasado e, tal e como comprobou a conselleira, xa están finalizadas e proporcionan aos veciños as condicións axeitadas para practicar unha mobilidade sostible e segura. Ethel Vázquez concretou que o itinerario da Medorra, que pasa polos tres concellos, ten unha lonxitude de 2,1 quilómetros, transcorrendo, na meirande parte, polo municipio do Pereiro de Aguiar.

Este itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia ata chegar a Paderne de Allariz. A conselleira sinalou que neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a OU-537, onde esta senda solapa coa que xa executou a Xunta na contorna dos parques empresariais.

Detallou que o segundo itinerario, o de Paderne de Allariz, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas que xa había, e continúa ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 metros. Ethel Vázquez indicou que, en ambos os casos, as sendas teñen ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con gabias revestidas en determinadas zonas e separadas da estrada.

Como actuacións complementarias fixéronse muros de sostemento do terreo no treito da Medorra, tamén traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público. Para incrementar a seguridade e a accesibilidade, no marco da intervención tamén se procedue á adecuación de 3 paradas de autobús que se dotaron con 3 novas marquesiñas.

Nova senda peonil que unirá os concello de Pereiro, Paderne e San Cibrao
Nova senda peonil que unirá os concello de Pereiro, Paderne e San Cibrao | onda cero

Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia que supoñen estas dúas sendas, na Medorra en Paiseo, para a mellora da mobilidade e a seguridade dos veciños, cun investimento de 1 M€, cumprindo así un dos grandes obxectivos da acción do departamento que dirixe: fomentar desprazamentos menos contaminantes, máis seguros e máis saudables no territorio galego.

Trátase, remarcou, de infraestruturas de mobilidade sostible, saudable e segura que inciden positivamente no día a día dos veciños, ao facilitar os seus desprazamentos cotiáns aos distintos equipamentos e servizos: ao centro de saúde, banco, zonas deportivas... Intervencións, dixo, que a Xunta tenta facer coa máxima sensibilidade, como se fixo tamén neste caso, diminuíndo o impacto, tras as consideracións recibidas na información pública.

A titular de infraestruturas e Mobilidade sinalou que esta actuación forma parte do Plan de sendas da comarca de Ourense, que permitiu executar xa 12 itinerarios e un total de 14 quilometros cun orzamento de máis de 6 M€. As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

A conselleira puxo en valor estes itinerarios, que mudan a mobilidade peonil das zonas polas que pasan, aos que se sumará a gran actuación prevista na cidade de Ourense: a senda de máis de 5 km que unirá a cidade de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña con 5,4 M€. Con respecto a esa nova intervención, Ethel Vázquez avanzou que a Xunta ten xa os contratos asinados e iniciará a execución das obras a finais deste mes de outubro.